O Concello de Ourense carga contra a nova pasarela do Barbaña

OurenseXa
Denuncia que a estrutura presenta “problemas de seguridade e salubridade” e lamenta que a Xunta non tivese en conta a súa petición de colocar unha malla metálica baixo a pasarela para impedir o acceso a ese espazo e evitar posibles riscos para a cidadanía
pasarela-barbaña
19 Dec 2025

O Concello de Ourense decidiu non acudir ao acto de inauguración do segundo tramo da senda peonil e da nova pasarela sobre o río Barbaña, organizado pola Xunta de Galicia, como xesto de protesta polo que considera unha política autonómica marcada pola súa "nula ambición e investimentos de pouco calado" na cidade.

Desde o goberno municipal explican que a ausencia responde, en primeiro lugar, á falta de resposta da Xunta ás advertencias trasladadas hai meses sobre “problemas de seguridade e salubridade” na contorna da infraestrutura. En concreto, o Concello reclamara a colocación dunha malla metálica baixo a pasarela para impedir o acceso a ese espazo e evitar posibles riscos para a cidadanía ou a aparición de focos de insalubridade, ao entender que a obra nace “con deficiencias”.

Máis alá deste episodio concreto, o Concello carga contra a estratexia investidora do Goberno galego en Ourense, á que define como baseada en "pouca ambición e menos investimento". O executivo local sostén que moitas das actuacións promovidas pola Xunta na cidade non responden a unha demanda social real, se proxectan sen consenso municipal e presentan acabados que cualifican de deficientes.

Neste sentido, critican que se prioricen sendas con escaso uso mentres se deixan de lado necesidades estruturais de mobilidade, que os proxectos se comuniquen ao Concello unha vez pechados e sen marxe para introducir melloras, e que algunhas obras recentes requiran intervencións adicionais pouco tempo despois da súa finalización. Como exemplo, aluden a reformas como a do Pavillón dos Remedios, que, segundo o goberno local, arrastra importantes carencias tras a súa execución.

O Concello tamén denuncia un agravio comparativo histórico con respecto a outras cidades galegas. Mentres en Ourense investimentos como o do Estadio do Couto se sitúan arredor dos 2,5 millóns de euros, aseguran que noutros municipios a Xunta destina contías moi superiores a grandes equipamentos culturais. Na mesma liña, citan actuacións como as da Avenida Marcelo Macías ou o proxecto da Avenida Otero Pedrayo, onde, ao seu xuízo, se optou por solucións superficiais fronte a alternativas máis ambiciosas reclamadas pola cidade, como o soterramento do vial. Tamén sinalan como insuficiente a redución de carrís na conexión da N-525 coa Avenida de Zamora, ao entender que limita o desenvolvemento futuro desa zona.

Desde o Concello acusan á Xunta de exercer "unha política de parches e foto oficiais mentres Ourense recibe as migallas do investimento autonómico con proxectos que ninguén pediu e que, para máis, están mal executados", motivo polo que decidiron ausentarse do acto institucional.

⚙ Configurar cookies
0.077751874923706