O Concello de Ourense defende o novo mapa de transporte e asegura que as novas liñas reduciron os atrasos nun 92%

O Concello de Ourense defende o novo mapa de transporte instaurado o pasado mes de setembro e que, dende a súa posta en marcha, contou con numerosas críticas por parte de algúns usuarios e dos partidos da oposición.
Porén, dende o equipo de goberno de Pérez Jácome continúan defendendo que os cambios supoñen melloras no servizo e destacan que, segundo os primeiros resultados dun informe elaborado pola empresa concesionaria Avanza, constaríase unha mellora significativa na puntualidade e na eficiencia do servizo.
Segundo o estudo, as incidencias ocasionadas por atrasos reducíronse nun 92%. A concesionaria sinala que “a mellora obsérvase de maneira xeneralizada en todas as liñas”, aínda que aquelas con maior volume de tráfico ou percorridos máis longos “experimentaron un aumento proporcional da eficiencia grazas á optimización de tempos de percorrido e á priorización de recursos”.
O informe tamén recolle que a nova rede “incrementou o nivel de cumprimento das expedicións”, logrando unha redución do 62% na perda de viaxes. Isto tradúcese, segundo a empresa, nunha “diminución significativa das viaxes non realizadas e unha mellora na cobertura total do servizo”. Segundo Avanza, estes resultados débense á simplificación das rutas, a unha mellor planificación dos recursos dispoñibles e á coordinación eficiente do persoal e dos vehículos.
A empresa engade que “todas as liñas mostraron un comportamento positivo”, aínda que se detectan pequenas desviacións nas rutas máis longas ou nas que circulan por zonas con maior intensidade de tráfico. O incremento do cumprimento das expedicións tamén repercutiu na regularidade das frecuencias e horarios, e as reclamacións telefónicas por falta de puntualidade reducíronse “de maneira importante”.
A análise, realizada con medios propios da concesionaria, tiña como obxectivo avaliar o impacto da nova rede de transporte urbano implantada o pasado 16 de setembro. Desde esa data tamén se rexistrou unha se rexistrou unha redución do 14% nos transbordos, que pasaron do 7,77% ao 6,68%.