O Concello de Ourense destinará máis de 24 millóns de euros á regularización dos servizos de auga e limpeza

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este venres, en sesión extraordinaria, unha modificación orzamentaria por importe de 24.192.381,35 euros, con cargo ao remanente de tesouraría para gastos xerais.
O obxectivo da medida é actualizar as retribucións das empresas concesionarias Viaqua, encargada da xestión da auga, e Ecourense, responsable da recollida do lixo e da limpeza viaria. Os acordos alcanzados coas dúas compañías poñen fin a conflitos arrastrados desde hai anos e permitirán regularizar os contratos en precario destes servizos municipais. As cantidades recoñecidas polo Concello, explican dende o Goberno municipal, son sensiblemente inferiores ás reclamadas inicialmente polas empresas.
A modificación orzamentaria reparte os fondos entre distintos conceptos: a xestión da EDAR de Reza, Santa Cruz de Arrabaldo e As Coiñás contará con 1.777.611,53 euros; a xestión dos tanques de tormenta, con 260.189,43 euros; o servizo de auga, saneamento e depuración, con 13.607.117,48 euros; e o contrato de recollida de lixo e limpeza viaria, con 8.547.462,91 euros.
O acordo deberá ser ratificado polo Pleno da Corporación municipal, que se celebrará o 27 de outubro, e o goberno local asegura contar cos apoios necesarios para a súa aprobación.
O servizo de limpeza e recollida de lixo está en precario desde abril de 2022, o que provocou un desfasamento entre os custos reais e as tarifas vixentes. No caso de Viaqua, o contrato do ciclo integral da auga permanece en precario desde 2017, período no que se incorporaron novas infraestruturas, como a EDAR de Reza, os tanques de tormenta e as estacións de tratamento, non incluídas no contrato inicial. O Concello recoñece a débeda polo servizo prestado ata 2023 e abonará unha contía moi inferior aos máis de dezaoito millóns reclamados inicialmente pola empresa, que se compromete ademais a realizar melloras na rede de auga por valor de 1,9 millóns de euros.
Na mesma sesión, o goberno local aprobou tamén o proxecto dunha nova ordenanza fiscal que derrogará as actuais taxas pola subministración de auga e polo servizo de sumidoiros e depuración. A derrogación entrará en vigor cando se aprobe a nova ordenanza reguladora das tarifas destes servizos, actualmente en fase de tramitación.