O Concello de Ourense estreita lazos co municipio de Chaves, en Portugal

OurenseXa
Os rexedores de ambos concellos mantiveron un encontro para explorar vías de colaboración
jacome-chaves
O alcalde de Ourense nun encontro con representantes do Concello de Chaves
21 May 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, realizou onte martes, 20 de maio unha visita institucional á cidade portuguesa de Chaves. O rexedor foi recibido na Cámara Municipal, onde mantivo unha reunión de traballo co seu presidente Nuno Vaz, e co vicepresidente, Francisco António Chaves. Durante o encontro, exploraron vías de colaboración entre as dúas cidades, estreitamente vinculadas pola súa proximidade xeográfica, pois apenas as separan 95 quilómetros por estrada, e histórica.

“Chaves é un municipio irmán”, manifestaba esta mañá Gonzalo Jácome, “o concello portugués máis próximo á nosa cidade e o máis relacionado con ela, porque compartimos moitos lazos históricos e unha gran relación. Moitos veciños de Chaves veñen a Ourense, xa que somos a cidade que está máis cerca da súa, máis aínda que Braga”.

Pérez Jácome realizou unha visita institucional á Cámara Municipal de Chaves, cunha recepción na Alcaldía na que ambos os dous rexedores intercambiaron información, produtos e agasallos institucionais, e exploraron vías de colaboración entre os dous municipios. Gonzalo Jácome lembrou que o alcalde de Chaves estivo o ano pasado en Ourense para promocionar a popular Festa do Bacallau da cidade lusa. Pola súa banda, o rexedor de Ourense valora a posibilidade de levar a cabo unha promoción en Chaves dalgunha das principais citas do calendario festivo da cidade, como o Halloween ou o Entroido, coa finalidade de aumentar a súa popularidade no Norte de Portugal. “As portas quedan abertas”, subliñou o rexedor.

Pérez Jácome participou tamén nunha visita polos principais recursos e atractivos turísticos de Chaves. “Estreitamos lazos e foi unha visita enriquecedora”, concluíu o rexedor ourensán.

⚙ Configurar cookies
0.069102048873901