O Concello de Ourense incorpora 13 novos axentes á Policía Local

OurenseXa
Desde o consistorio destacan que con este reforzo buscan garantir unha maior cobertura nos barrios
novos-policias-locais-ourense
16 Feb 2026

O Concello de Ourense reforzou o cadro de persoal da Policía Local coa incorporación de 13 novos axentes, que tomaron posesión esta mañá nun acto celebrado no salón de plenos e presidido polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Ao acto asistiron tamén o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ignacio González.

Os novos efectivos —oito homes e cinco mulleres— incorpóranse como funcionarios en prácticas e comezarán de inmediato o seu período de formación tutelada. Durante esta etapa participarán en labores de control de tráfico, seguridade cidadá e atención á veciñanza, co obxectivo de coñecer de primeira man a realidade operativa da cidade. Está previsto que no mes de xullo culminen esta fase e pasen a integrarse como funcionarios de carreira.

Desde o goberno municipal salientan que con esta incorporación “o Concello continúa dando pasos firmes na mellora dos servizos públicos e da seguridade na cidade”, e sinalan que “esta nova promoción chega para dar resposta a unha das demandas históricas de Ourense: o incremento de efectivos para garantir unha cobertura máis eficiente e próxima nos distintos barrios”.

O executivo local subliña así mesmo o seu “compromiso irrenunciable coa seguridade cidadá e a renovación xeracional do corpo da policía”, e apunta que a chegada destes novos axentes permitirá optimizar os tempos de resposta e reforzar a presenza policial nas rúas.

⚙ Configurar cookies
0.081613063812256