O Concello de Ourense instalará ramplas mecánicas no barrio da Cuña

OurenseXa
O proxecto, que sairá a licitación nas vindeiras semanas, suporá un investimento de 5 millóns de euros
ramplas-mecanicas-a-cuña
24 Jun 2025

O Concello de Ourense licitará nas próximas semanas a instalación das ramplas mecánicas do barrio da Cuña, na rúa Vasco Díaz Tanco, toda vez que xa está rematado e informado favorablemente o proxecto de enxeñaría previo a esta actuación.

Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen afirmou que será un “megaproxecto”, que suporá un investimento de 5 millóns de euros e resultará “transformador para o barrio, xa que humanizará a rúa e dará servizo a milleiros de habitantes, ao centro de saúde e á Universidade Laboral. Suporá un antes e un despois no barrio. Mellorará a calidade de vida e revalorizará a zona”, asegurou.

O proxecto técnico desta intervención xa está informado favorablemente e está listo para sacalo a concurso. A previsión do goberno municipal é que as obras poidan ser adxudicadas este ano e iniciar a súa execución a principios de 2026.

A actuación contempla a instalación de 5 ramplas mecánicas que, segundo di o alcalde, salvarán a forte pendente existente na rúa Vasco Díaz Tanco, desde a parte inferior, na confluencia coa Avenida de Zamora, até a cima da rúa, máis alá do centro de saúde do barrio.

⚙ Configurar cookies
0.17349696159363