Loita no Concello de Ourense pola Escola Municipal Continua

OurenseXa
O grupo municipal socialista denuncia que Jácome presenta “un apaño cutre” despois de tres anos sen a Universidade Popular de Ourense
Escola_Municipal_Continua
Cartel Escola Municipal Continua
15 Feb 2024

A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha a Escola Municipal Continua Ourense 2024, con medio cento de propostas formativas e de lecer dirixidas ás persoas adultas empadroadas na cidade. Na páxina web do Concello pódese consultar a relación completa de actividades, coas súas datas e horarios. Hoxe abrirase o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar a preinscrición, nun máximo de 4 actividades. Poderán facelo en liña, até o día 29 de febreiro, a través da páxina web do Concello de Ourense.

As actividades están dirixidas a persoas maiores de 18 anos, empadroadas no Concello de Ourense. Para adxudicar as prazas terase en conta a orde de entrada das solicitudes, e terán prioridade as persoas paradas, xubiladas ou amas de casa, en primeiro lugar, estudantes en segundo lugar e traballadores/as en activo, en terceiro.

A preinscrición será en liña, cubrindo un formulario que estará dispoñible na web do Concello. Se algunha persoa necesita axuda, pode dirixirse á Concellería de Educación, na rúa da Canle, número 6, ou no teléfono 988388136.

Son en total 52 propostas en materia de formación, novas tecnoloxías, cultura do deporte e da saúde, arte e creatividade  ou  medio ambiente.  O prezo de matrícula é 33 euros, que se aboarán no momento de confirmación da admisión.

Os socialistas denuncian que a medida "é un apaño cutre" tras tres anos sen a Universidade Popular de Ourense

Dende o grupo socialista lamentan que o alcalde Gonzalo Pérez Jácome fulminase calquera resquicio do que foi a recoñecida Universidade Popular de Ourense. “No día de onte, o actual rexedor do goberno municipal facía pública, despois de reiteradas solicitudes do PSdeG, a oferta de obradoiros para este curso baixo a denominación de Escola Municipal Continua”, destaca a edil Cristina Cruz Fernández.

No que se refire a dita oferta, lembran que chega “tarde, mal e arrastro, como é habitual na xestión deste executivo” e que pasa de haber 140 cursos (na última convocatoria da UPO) a arredor de 50. Isto supón unha drástica redución de aproximadamente 2/3 en canto á nova oferta formativa.

“Fulmínanse cursos de especial interese como os de idiomas ou os de artesarnía. Polo que solicitamos coñecer as memorias, as programacións didácticas e os criterios de selección, tanto do profesorado como dos cursos ofertados. A nova Escola Municipal Continua presenta, como dixemos, unha formación flebe que non responde ás necesidades da cidadanía de Ourense e que non servirá para borrar o espíritu e a excelencia da Universidade popular”, engadiu taxante a edil socialista.

Os e as socialistas advirten de que a nova escola representa “un apaño cutre” que só serve a Jácome para fulminar e diluir a UPO e cualifíican o seu proceder como “unha inquina propia e persoal” que ataca a un piar fundamental da sociedade ourensá.

 

0.16770195960999