O Concello de Ourense poñerá fin ao laboratorio de innovación social dixital de La Molinera

OurenseXa
O goberno municipal atribúe a responsabilidade á Xunta e ao Estado, aos que acusa de discriminar á cidade
la-molinera
10 Mar 2026

O Concello de Ourense procederá á finalización do programa que viña desenvolvendo nas instalacións de La Molinera, ao rematar os contratos dos informáticos que o levaban a cabo, aínda que seguirá utilizando os programas e aplicacións deseñadas polo equipo.

Así o anunciou este martes o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que atribúe o remate desta iniciativa deseñada polo Concello á “falta de apoios” da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, aos que acusa de non querer “esponsorizar este programa”. “Non achegaron financiamento, e sen axuda non se pode seguir”, declarou o rexedor, que insiste en que o caso deste programa “é un síntoma máis da discriminación que sofre Ourense”.

“O Estado español, co apoio da Xunta de Galicia, levou á cidade da Coruña a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que arrancou con 50 empregados”, denunciou o alcalde, que subliña que na Molinera “tivemos uns programadores que realizaron un traballo importante. Moito do software que desenvolveron transferiuse aos servizos informáticos do Concello e seguirase utilizando. O traballo realizado non vai quedar en desuso”.

Como posible uso futuro do edificio de La Molinera, o goberno municipal valora dúas opcións: licitalo por un canon aproximado de 10.000 euros ao mes para unha empresa tecnolóxica ou trasladar ao inmoble dependencias municipais. A decisión, avanzou o alcalde, será tomada en abril.

0.12117886543274