O Concello de Ourense prescindirá do Consello Municipal de Igualdade para abordar a programación do 8M

OurenseXa
Os socialistas denuncian que a “intención encuberta de Democracia Orensana é que este órgano termine desaparecendo”
Concello-Ourense-recurso
18 Feb 2025

As socialistas confirmaron esta mañá, durante as Xuntas de Área, que por primeira vez non se convocará o Consello Municipal de Igualdade para abordar a programación do 8M. “Prescíndese do órgano con excusas peregrinas, afirmando a concelleira que xa está todo cociñado, bloqueando o diálogo e o consenso e demostrando a súa falta de compromiso e vontade política neste eido. A intención encuberta de Democracia Orensana é que termine desaparecendo”, sinala a edil do PSdeG Cristina Cruz.

Ademais, corroboraron que se adiará de novo a adxudicación definitiva do SAF e a entrada da nova empresa, estando pendentes agora de crédito e tendo que volver a solicitar outra nova prórroga forzosa de 2 meses a maiores. “Non é máis que outro exemplo da desidia e o caos no ‘modus operandi’ do executivo local á hora de facer fronte aos problemas máis urxentes e ás necesidades da veciñanza”, subliña a voceira dos socialistas, Natalia González.

Do mesmo xeito, confirmaron tamén dende o grupo municipal do PSdeG que se suprimirán as actividades de conciliación nos centros cívicos nos períodos non lectivos neste 2025: Semana Santa, verán e Nadal. “Levamos anos denunciando que as familias con menos recursos e a igualdade non son unha prioridade para o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o seu equipo de goberno. E isto, por desgraza, vén a darnos a razón”, lamenta sobre a eliminación dun servizo imprescindible durante todo o ano.

Así mesmo, as socialistas sinalan que non houbo resposta, por parte da concelleira responsable da carteira, á solicitude de convocatoria do Consello Municipal de Servizos Sociais prantexada, ao longo das últimas semanas, polas entidades e asociacións do terceiro sector e os grupos políticos nas propias Xuntas de Área. “Non son quen nin de atender as demandas e escoitar as necesidades das organizacións que traballan día a día cos e cas ourensás amosando un desleixo absoluto e continuo”, critica Cristina Cruz.

Finalmente e a solicitude das socialistas, as representantes de DO afirmaron que non levarán adiante medidas a nivel municipal para a loita contra a trata ou para o mantemento das gateiras.

0.18729782104492