O Concello de Ourense presenta o novo mapa de liñas de autobús

O Concello de Ourense presentou este luns a nova rede de liñas de autobuses urbanos, que entrará en servizo o martes día 16 de setembro, coincidindo coa Semana da Mobilidade. Durante estes días, ao igual que o ano anterior, o servizo será gratuíto para toda a veciñanza.
As novas liñas, din dende o Concello, “adaptan o seu deseño á cidade actual, ao tempo que se simplifica a rede, increméntanse os recursos e búscase blindar a puntualidade dos servizos”.
Desta forma, pasará a haber 15 liñas de autobús en lugar das 33 actuais, pero o Concello asegura que se reforzarán os recursos con tres vehículos máis. Así, a partir de mediados de mes, haberá 38 autobuses funcionando de forma simultánea pola cidade.
A nova rede, xustifica o Concello, mellorará a actual e será adaptada ao novo urbanismo. Por primeira vez, os autobuses circularán pola Ponte do Milenio, unha infraestrutura que lembram, quedaba obviada na anterior rede, pese a que data do ano 2001.
Ademais, aseguran que as novas liñas buscarán garantir a puntualidade dos servizos. Os tempos, explican, están organizados con marxe entre chegadas e saídas, o que segundo o executivo municipal permitirá facer o percorrido en tempo e que os atrasos puntuais nun treito determinado non afecten ao seguinte.
Con estos cambios, a nova rede de liñas quedará estruturada da seguinte forma:
- 1-A: Troncal norte – sueste. Sexto Instituto – Barrocás. Coserá os barrios do Vinteún e A Ponte co centro, a Residencia e Barrocás. Terá frecuencia cada 30 minutos, que baixa a 15 ao ir sincronizada coa liña 1-B en practicamente todo o percorrido.
- 1-B: Troncal norte – sueste. Valdorregueiro- Barrocás. Idéntica á 1-A, agás nas paradas finais do Vinteún.
- 2-A: Troncal noroeste – sur. Santa Cruz – O Cumial. É a ruta máis longa (20 km), e unirá Santa Cruz de Arrabaldo coa UNED, a estación, o pavillón, o centro, a Residencia (á altura de Nosa Señora da Saínza), a Universidade Laboral, A Cuña e O Cumial. A frecuencia, cada 30 minutos, redúcese a 15 ao ir sincronizada coa liña 2-B nalgunhas paradas do treito común entre as dúas.
- 2-B: Noroeste – sur. Praza 200 – Tanatorio. Liña máis curta que a 2-A e con frecuencias similares.
- 5: Reza – Ceboliño. Esta liña clásica permanece, tamén coa súa numeración. Xa funciona cada 30 minutos desde hai unhas semanas. Une Ceboliño, A Rabaza, Universidade, Centro, O Couto, Vistafermosa e Reza. É o autobus que deben empregar as persoas usuarias das Termas de Outariz e do Muíño.
- 6: O Couto – As Curuxeiras. Ten algunhas similitudes coa actual liña 6. Pasará pola biblioteca e o auditorio (irá á Residencia por Pena Trevinca no canto do Progreso). Ademais, facilitará á veciñanza das Curuxeiras e Rairo un autobús regular cada 30 minutos. Por último, e non menos importante, é un servizo extra para San Francisco, un dos barrios peor conectados historicamente, que agora terán esta liña, ademais das 11 e 13, cunha frecuencia óptima. É unha conectividade inédita para a veciñanza do barrio. Esta liña podería mellorarse na fase II, en 2026, co futuro gran circular.
- 7: A Valenzá – Covadonga. Outra ruta clásica que mantén o seu número (7) e incorpora 2 variantes. Por unha banda, a frecuencia regular cada 30 minutos (introducida este verán) e un desvío de percorrido ente a Ponte Nova e Covadonga: agora atravesará toda a Avenida de Marín, conectando a estación e a rúa Quintián, tras a estación. Non pasará polo Parque da Ponte (este servizo cubrirano as liñas troncais 1-A e 1-B). Con este cambio búscase vertebrar a parte oeste do barrio do Vinteún conectando toda a contorna de Santa Teresita co centro de saúde da Ponte (que é unha demanda histórica da veciñanza).
- 8: Eirasvedras – Residencia, pola Chavasqueira e A Milagrosa. Redúcese a frecuencia á metade (30 no canto de 60 como antes) para a veciñanza da Cruz Alta e visitantes do Campo da Feira (as novas termas da Chavasqueira abren este outono). Ademais, a ruta ao hospital será máis curta para quen antes usaba a liña 18 (agora tamén poderá ir ao centro cada media hora).
- 9: O Polvorín – Cudeiro – Cemiterio – Velle. Liña provisional para dar servizo a estes puntos. Posiblemente sexa optimizada na fase II, en 2026.
10: Cabeza de Vaca – Velle. A liña número 10 actual mantense ata que rematen as obras na Avenida de Portugal. Variará na fase II. - 11: Santa Mariña – O Viso (por Oira). Mellórase a frecuencia a 30 minutos nesta ruta clásica que cobre Oira, Santa Mariña, a estrada da Granxa e o barrio de San Francisco. Ademais prolongarase ata O Viso para conectar Oira co Sexto Instituto e O Vinteún.
12: Fechos, O Fonsillón, Rabo de Galo e Mende (actual C17). Mantense o mesmo servizo da C17. - 13: Palmés – Universidade Laboral – A Cuña – Barrocás. Mellórase o servizo de Palmés, mantense un autobús cada hora como antes pero agora o autobús irá sempre á residencia e non como antes, que ía cada 2 horas. Tamén conectará o barrio de San Francisco co Centro de Saúde da Cuña e o barrio de Barrocás co dito centro de saúde e coa Universidade Laboral, que son outras grandes demandas veciñais nunca satisfeitas ata o de agora.
- 14: Nocturna. Conectará Valdorregueiro – Universidade Laboral /A Cuña (pola estación e Barrocás). Os dous autobuses do Moucho Bus usaranse para dispor dunha liña mellorada e poderase reducir a frecuencia as noites véspera de días non laborables, que antes estaba en 2 horas.
- 15: Tren Chuchú. Actual liña 19.