O Concello de Ourense presenta o Plan de Dinamización da área Rexurbe Ourense

OurenseXa
Trátase dun ambicioso plan, redactado de acordo coas directrices establecidas polo IGVS, que inclúe non só o arquitectónico e urbanístico senón tamén propostas no ámbito social e económico
ourense_centro
3 Feb 2026

O Concello de Ourense deu a coñecer este martes aos grupos políticos municipais o contido do Plan de Dinamización da área Rexurbe Ourense, nunha sesión celebrada no salón de plenos. No encontro participaron o concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, xunto con representantes dos distintos grupos da corporación municipal.

Durante a presentación, na que tamén estiveron presentes técnicos municipais das áreas de Urbanismo e PERI, así como representantes da empresa encargada da redacción do documento, expuxéronse as principais liñas de actuación e os proxectos que se prevén desenvolver no ámbito Rexurbe.

O plan toma como punto de partida a proposta presentada para a declaración da área, que incluía a delimitación do ámbito de actuación, a normativa aplicable e unha análise detallada da situación arquitectónica, urbanística, ambiental, demográfica, económica e social do conxunto histórico. A partir deste diagnóstico, defínense os obxectivos xerais e específicos, así como as liñas estratéxicas que estruturán as actuacións previstas, acompañadas dun calendario de execución e dunha memoria de viabilidade.

O documento, elaborado segundo as directrices do Instituto Galego de Vivenda e Solo, aposta por unha intervención integral que vai máis alá do ámbito arquitectónico e urbanístico, incorporando tamén medidas de carácter social e económico. A planificación busca optimizar o aproveitamento das axudas dispoñibles, tendo en conta os criterios de viabilidade establecidos nos estudos previos.

As actuacións organízanse arredor das tres liñas estratéxicas recollidas na lexislación vixente: a mellora arquitectónica, urbanística e ambiental; o impulso económico; e a cohesión social. Entre as propostas no ámbito físico destacan a revisión da normativa urbanística, a recuperación de edificios de valor patrimonial, a mellora do espazo público e das infraestruturas, así como actuacións orientadas á accesibilidade universal e á mobilidade, especialmente no centro histórico e na súa contorna.

No eido económico e social, o plan inclúe medidas para favorecer a implantación de empresas e a creación de emprego, o reforzo da relación do conxunto histórico coa cultura termal e a ampliación da oferta de servizos e equipamentos de proximidade.

O Plan de Dinamización foi remitido no pasado mes de xaneiro ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, que deberá emitir o informe preceptivo previo á súa aprobación definitiva polo Concello, tal e como establece a lexislación autonómica en materia de rehabilitación urbana.

⚙ Configurar cookies
0.083319902420044