O Concello de Ourense privatizará a xestión da piscina termal das Burgas
O equipo de Goberno do Concello de Ourense informou esta mañá nunha reunión de portavoces de que externalizará a xestión e servizo das Termas das Burgas. O executivo de Gonzalo Pérez Jácome xustifica esta medida asegurando que a intención é “facelas máis eficientes para a cidadanía ourensá”, e escúdase en que “non será a primeira vez que se externalice este servizo” xa que, din, “isto xa fora feito polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na área de Termalismo”.
Fai tan só catro días, durante o Pleno Extraordinario do 10 de xaneiro” e tras unha pregunta do BNG, o alcalde aseguraba que a apertura da piscina termal, pechada ao público desde 2020, sería “inminente”. Porén, o Concello recoñeceu hoxe nun comunicado que non poden asegurar que o complexo poida abrir en 2025. De feito, o comunicado recolle que a medida será levada ao pleno de marzo e que será a empresa concesionaria a encargada de poñela en marcha, mentres que o propio Jácome confirmou a través das súas redes que a apertura se atrasa, polo menos, outros 9 meses.
Unha neglixencia no proxecto
Logo de meses de silencio, o alcalde e o seu equipo explican que decidirán non abrir o espazo termal, un dos máis demandados polos ourensáns, “polo cambio de xestión mais tamén porque houbo unha neglixencia técnica na reforma integral que vén de se acometer”.
Sinalan que o proxecto, contratado no anterior mandato pola concelleira de Termalismo, Flora Moure, así como os técnicos da área de Termalismo e o xefe de obra, “non contemplaron a impermeabilización integral de vaso, só do fondo, excluíndo os laterais, e sinalan que o xefe de obra non detectara fugas de auga ata que a obra foi concluída polo que xa non pode facer modificacións”. De feito, o propio alcalde, a través das súas redes, acusa directamente aos funcionarios de termalismo. "O proxecto, encargado por no mandato anterior cunha concelleira popular, obviou a impermeabilización do vaso", e escúsase en que "esta é a única obra" desde que é alcalde na que "o seu equipo directo non contratou o proxecto nin o director da obra", achacando a responsabilidade aos responsables de termalismo do anterior mandato.
“Se se decidise abrir igualmente, suporía unha perda diaria de 200 litros o que xeraría un problema non só de perda de auga senón tamén porque levaría ao límite o funcionamento das máquinas”, sinalan.
Esta externalización anunciada polo Goberno Municipal incluiría a xestión das Termas das Burgas, dos apartamentos turísticos municipais, dunha zona de hostaleira na parte superior e da apertura ao público e guía dos restos arqueolóxicos.
Desde o goberno municipal din que esperan que o Espazo termal das Burgas estea en funcionamento este 2025 e explican que aínda que a xestión sexa privada, contará con bonos para os residentes.
Cabe lembrar que esta piscina, unha das máis importantes da cidade e un dos emblemas do termalismo ourensán, foi desde a súa apertura de carácter público e gratuíto. Agora, e tal e como confirma o alcalde, os usuarios, que levan máis de catro anos esperando a reapertura, terán que pagar para acceder.