O Concello de Ourense propón modificar os cadros de traballo do servizo de bombeiros

O goberno municipal do Concello de Ourense proporá modificar os cadros de traballo do servizo municipal de Bombeiros “para mellorar a eficiencia do servizo”. Así o acordou esta mañá nunha xuntanza técnica convocada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Ignacio González con responsables do servizo e corpos xurídicos. Actualmente, os cadros de traballo no servizo de bombeiros son de 1/3, é dicir: traballan 1 día (24 horas consecutivas) e descansan 3 (72 horas).
O goberno municipal entende que para o funcionamento do servizo resultaría máis eficiente establecer quendas de traballo máis curtas: “O mellor para o corpo de bombeiros e para o servizo cidadán sería establecer quendas de 12 horas de traballo ou de 8. Porén, se as quendas son curtas, estatisticamente hai máis posibilidades de que un cambio de garda coincida cunha saída de traballo. A quenda de 24 horas reduce esa estatística, pero ten outras desvantaxes, polo que cremos que 12 horas podería ser óptimo”, afirman.
En todo caso, subliña o goberno local que “o eficiente non é traballar 24 horas seguidas. Se fose así, todo o mundo o faría”, e sinalan que “se os bombeiros poden traballar 24 horas seguidas é porque a especial natureza do seu traballo lles permite compatibilizar a garda e máis o descanso. O goberno non cre que esta sexa a fórmula máis eficiente nin rendible para o erario público”.
O goberno municipal valora diferentes opcións para definir o réxime de días traballados de forma consecutiva por días de descanso. En principio, a fórmula idónea podería ser de 2 xornadas de 12 horas por 3 días de descanso.
O goberno local presentará a súa proposta de modificación dos cadros de traballo ante a mesa de negociación.