O Concello de Ourense proporá unha declaración institucional en apoio ao persoal da base de mantemento de Renfe

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, recibiu no Concello a Diego Pascual, voceiro do sindicato CGT no sector ferroviario de Ourense e trasladoulle o apoio do goberno municipal ás mobilizacións que están a desenvolver os traballadores da base de mantemento de Renfe na cidade para garantir o futuro do taller e o mantemento dos postos de traballo dos seus 34 empregados.
Pascual trasladoulle a preocupación do persoal, logo de que Renfe licitase a contratación dunha empresa externa para o mantemento de 65 locomotoras que operan pola rede ferroviaria estatal.
O mantemento deste tipo de locomotoras constitúe a actividade principal do taller de Ourense, polo que a licitación xera a incerteza dos e das traballadoras, que temen a perda de carga de traballo da base e demandan garantías do mantemento do taller e dos empregos en Ourense. “Non hai garantías a medio prazo nin moito menos a longo prazo de manter o emprego en Ourense nunhas condicións óptimas”, manifestou Diego Pascual.
O alcalde avanzou que o goberno municipal proporalles a todos os grupos políticos do Concello aprobar unha declaración institucional en apoio ás reivindicacións do persoal e en defensa dos postos de traballo en Ourense. “Presionaremos o que poidamos para intentar que non se produza unha vez máis outro agravio con Ourense. Isto é un indicativo máis de que somos a Cenicienta: Tíñannos co pé afundido, e agora quérennos afundir máis: o pouco que temos, nolo queren quitar. É realmente intolerable”, asegurou Pérez Jácome. Engade o alcalde que “hoxe mesmo entrou en vigor o axuste de frecuencias que elimina paradas na Gudiña, e Renfe avanza que ao final do verán podería entrar en funcionamento algunha frecuencia que nin sequera parase en Ourense cidade”.