O Concello de Ourense prorroga o contrato de prestación do servizo de auga por parte de Viaqua

OurenseXa
Trátase dunha medida de carácter excepcional que se limitará ao período estritamente necesario ata a adxudicación dun novo contrato ou a posible implantación dunha fórmula de xestión directa
Concello de Ourense
31 Dec 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na tarde deste martes en sesión extraordinaria e urxente a continuidade do contrato na prestación do servizo de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais a cargo da empresa Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia, S.A.U.

Esta prórroga realízase con carácter excepcional e por razóns de interese público para garantir a continuidade dun servizo esencial, limitándose ao período estritamente necesario ata a adxudicación dun novo contrato ou a posible implantación dunha fórmula de xestión directa.

Outro dos puntos acordados foi a adxudicación do contrato de consultoría e asistencia técnica para a xestión, execución, seguimento e xustificación das accións relacionadas co proxecto de dixitalización e mellora da eficiencia no ciclo integral da auga en Ourense. A empresa PW Advisory & Capital Services, SL será a encargada destes servizos, que contan cunha importante financiación europea a través do Fondo Europeo de Recuperación Next Generation EU dentro do programa PERTE dixitalización do ciclo da auga.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou dous convenios de colaboración coa entidade cultural Liceo de Ourense, con contías de 6.000 euros cada un, para apoiar as súas actividades.

⚙ Configurar cookies
0.080180883407593