O Concello de Ourense publica as bases para o programa 'Concilia Nadal'
O Concello de Ourense vén de publicar as bases para o programa ‘Concilia Nadal’ de este ano, destinado a persoas menores de 18 anos empadroadas en Ourense.
As actividades lúdico-educativas están orientadas cara á consecución de hábitos de vida saudables, actitudes solidarias e de convivencia e o respecto polo medio ambiente. Tamén haberá reforzo educativo. Todas elas levaranse a cabo de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas durante os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro nos seguintes espazos: Aula da Natureza do Río Miño - Oira (AULAPONIA), para os nacidos entre 2012 e 2017, Espazo Makers (UVigo), no Edificio Politécnico, e Anexo á EMMO (Escola Municipal de Música e Teatro de Ourense), para os nados entre 2012 e 2017.
O prazo de inscrición estará aberto entre o 18 e o 24 de novembro a través da aplicación oficial do Concello de Ourense, e a listaxe provisional sairá o día 2 de decembro. O día 10 de decembro sairán as listaxes definitivas.