O Concello de Ourense reactivará este martes os descontos nos autobuses urbanos

OurenseXa
Os nenos e nenas de ata 14 anos poderán viaxar gratis dende este 1 de xullo e ata o 31 de decembro
Autobuses-urbanos-ourense
30 Jun 2025

O Concello de Ourense lembra que os descontos actualmente vixentes no servizo de autobuses urbanos continuarán en vigor ata final de ano. A Xunta de Goberno Local do pasado 20 de marzo acordou prorrogar, desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro, os descontos actuais, que están cofinanciados polo propio Concello e polo Ministerio de Transportes.

Ademais, desde este martes, 1 de xullo, e ata o 31 de decembro, as viaxes nos autobuses urbanos serán gratuítas para a poboación infantil, ata os 14 anos de idade. Nenas e nenos só terán que presentar o seu DNI ao persoal de condución para viaxar de balde.

O prezo por viaxe coa Tarxeta Milenio ordinaria manterase en 0,31 euros (cunha bonificación do 50 %), mentres que o prezo da viaxe coa Tarxeta Milenio para estudantes quedará en 0,21 euros (cunha bonificación do 51,16 %). Os demais abonos non se rebaixan porque xa están bonificados ao 100 %.

Esta rebaixa nos prezos será cofinanciada polo Concello e polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, no marco das axudas aprobadas polo Goberno de España con esta finalidade. Tamén dentro deste programa de axudas inclúese a gratuidade do servizo para a poboación infantil ata os 14 anos desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro, o que supón unha bonificación do 100 %.

⚙ Configurar cookies
0.12569689750671