O Concello de Ourense recibe o anteproxecto do primeiro Hotel Balneario da cidade, que se construirá nas Caldas

OurenseXa
O balneario dotará á cidade dunhas instalacións de 5 estrelas, con 42 habitacións, integradas na contorna, con espazos para tratamentos individuais e unha ampla zona de restauración
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibe no Concello o empresario Gregorio Álvarez
13 Ago 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no Concello o empresario Gregorio Álvarez, quen  promove a construción dun Hotel Balneario de 5 estrelas nos terreos do antigo balneario das Caldas.

Acompañado polos arquitectos (Müller.Feijoo Arquitectos, José Jaime Vázquez Iglesias e Álvaro Varela), presentoulle ao goberno municipal o anteproxecto desta iniciativa, que dotará a cidade dun recurso do que actualmente carece, un hotel balneario, que porá á disposición de veciños e visitantes da cidade un total de 42 habitacións, ademais de espazos colectivos e individuais de tratamentos termais e unha ampla zona de restauración.

O promotor desta iniciativa, xa titular dos terreos, prevé presentar no Concello antes de final de ano o proxecto básico do hotel balneario e iniciar as obras a finais de 2025.

O anteproxecto pretende crear “un espazo experiencial, de lecer, desfrute e beneficio saudable do recurso termal, que sexa novidoso, confortable, amable e incorporado na maior medida á contorna natural do río mediante a creación dun xardín”.

Será tamén, segundo se explica no anteproxecto, “unha instalación balnearia con aloxamento e restauración, que se pretende que sexa sofisticada, de alto nivel de confort e prestacións e sostible, situándoa no mundo boutique, como unha oferta diferenciada que pensamos que cobre un nicho de oferta inexistente na vila termal na actualidade”.

O Hotel Balneario terá planta baixa con zona colectiva e de termas exteriores, planta primeira para tratamentos individuais, plantas 2ª a 4ª con 42 habitacións entre dobres e individuais (das que moitas delas terán vistas ao río Miño), e planta 5ª dedicada a cafetería e restauración, que contará tamén terá acceso directo desde o exterior.

O empresario Gregorio Álvarez, titular do Grupo Ibereólica Renovables, manifestou que agarda que este sexa “un proxecto que dea moito máis a coñecer a cidade de Ourense polas augas termais que ten. Estamos contentos, porque é un proxecto diferente, un hotel boutique, que esperamos que sexa do agrado de todos os ourensáns e de moita máis xente que ten que vir aquí e coñecer esta cidade, que é unha grande descoñecida. A min gústame moito e por iso estou apostando por ela”, afirmou.

O empresario acudiu ao Concello acompañado tamén polo seu amigo Angel González Otero, quen foi impulsor desta iniciativa ao propoñerlle esta actuación: “somos amigos desde o ano 95, e sempre loitamos por investir en Ourense. Esperamos sexa un éxito e poder facer máis cousas na provincia”, sinalou.

Pola súa banda, o arquitecto Álvaro Varela, autor no seu día de proxectos como os das Termas da Chavasqueira ou as Termas de Outariz, entre outros, subliñou que o hotel balneario dotará a cidade dunha instalación “moi completa”, e que terá unha presenza que “imos coidar con moito cariño”.

0.19246101379395