O Concello de Ourense recoñece as débedas coas concesionarias da auga e do lixo

O goberno municipal do Concello de Ourense acadou acordos coas empresas concesionarias Viaqua e Ecourense para regularizar as retribucións percibidas polos contratos en precario dos servizos de auga e limpeza viaria e recollida de lixo que prestan na cidade. Nos dous casos, o Concello aboaralles contías que di son “notablemente inferiores ás reclamadas polas empresas concesionarias”.
No caso da auga, o acordo levará consigo a execución de investimentos por un importe de 2 millóns de euros, entre os que se atopa a execución do saneamento en Palmés. O Concello de Ourense aboará as cantidades acordadas con cargo ao remanente de tesouraría do que dispón.
O goberno municipal valorou moi positivamente os dous acordos, “na medida en que reducen moito as contías reclamadas polas empresas concesionarias e poñen fin a conflitos que se arrastraban desde hai anos, derivados da caducidade das dúas concesión”.
O contrato de limpeza viaria e recollida de lixo está en precario desde abril de 2022. A concesionaria Ecourense reclamáballe nos xulgados ao Concello unha contía por importe de 10 millóns de euros. En virtude deste acordo, o Concello recoñeceralle 7,6 en concepto de regularización dos custos efectivos do servizo e a empresa retirará a súa reclamación xudicial.
No caso da concesionaria da xestión do ciclo integral da auga, Viaqua, o contrato está en precario desde 2017. Durante este período, ademais, incorporáronse ao servizo novas infraestruturas non previstas no contrato orixinal, como a nova EDAR de Reza, tanques de tormentas ou estacións de tratamento, cuxas condicións económicas non foron obxecto dun acordo formal, o que din, xerou un importante desfasamento retributivo. En virtude do pacto alcanzado, o Concello recoñece a débeda xerada pola prestación ininterrompida do servizo ata 2023 e acorda o pago de 12,7 millóns de euros a Viaqua.
Ademais, un dos puntos máis destacados do acordo é o compromiso de execución de obras de mellora por parte de Viaqua por un valor de 1,96 millóns de euros antes do 31 de decembro de 2026, equivalentes ás amortizacións pendentes. Entre estas actuacións, destaca a solución definitiva ao problema histórico do saneamento en Palmés.
Con estes acordos, o Concello poralles fin a dúas importantes reclamacións que se viñan arrastrando desde hai anos. Ao mesmo tempo, segungo o goberno municipal, axuda a clarificar o escenario contable das dúas concesións e o remanente de tesourería do que disporá o Concello para acometer outros gastos e investimentos.