O Concello de Ourense recupera as parcelas do Centro de Interpretación de Parques Naturais
OurenseXa
O Concello notificaralle o acordo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que proceda á demolición da edificación inacabada
4 Out 2024
O Concello de Ourense recupera a titularidade das parcelas que cedera no seu día á Xunta de Galicia para a construción do errado Centro de Interpretación de Parques Naturais, en Quintela de Canedo.
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión deste xoves resolver a cesión gratuíta á Xunta de Galicia das 2 parcelas cedidas, na paraxe da Veiga, Quintela de Canedo: unha de equipamento sociocultural de 23.255,28 metros cadrados, e outra de zona verde do sistema xeral cunha superficie de 3.002,72 m², e requirir á Xunta de Galicia para que llas entregue ao Concello.
O Concello notificaralle o acordo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que proceda á demolición da edificación inacabada para o futuro uso dos terreos ao servizo da cidade.