O Concello de Ourense restaurará as fontes e lavadoiros tradicionais da cidade

O Concello de Ourense traballa na restauración de fontes e lavadoiros tradicionais co obxectivo de recuperar a funcionalidade orixinal destas construcións e preservar a memoria colectiva destes elementos cargados de historia e valor cultural que forman parte do patrimonio etnográfico da zona.
Actualmente, están a executarse traballos en varios puntos da cidade cunha inversión que supera os 35.000 euros. Entre as obras en marcha destacan a reparación da Fonte de San Miguel de Canedo, cun custo de máis de 12.000 euros; a restauración do lavadoiro en Cachaxúas, que conta cun orzamento próximo aos 6.000 euros; e os labores no lavadoiro da Ponte do Val, cunha inversión superior aos 17.000 euros.
Ademais, o Concello anunciou próximas intervencións que continuarán reforzando a conservación deste patrimonio. Entre elas atópase a rehabilitación do lavadoiro de Casardomato, prevista cunha inversión próxima aos 18.000 euros, e a reparación da cuberta do lavadoiro de Seixalbo, destinada a garantir a súa protección a longo prazo e valorada en máis de 13.000 euros.