O Concello de Pereiro de Aguiar reforza a prevención contra a Vespa velutina

O Concello de Pereiro de Aguiar, a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), está a levar a cabo estas semanas unha campaña intensiva de trampeo destinada a frear a expansión da Vespa velutina no municipio.
Trátase dunha actuación que se realiza de forma periódica nesta época do ano e que resulta clave tanto para a conservación do equilibrio ambiental como para a protección e seguridade da veciñanza. O labor do GES céntrase na colocación de trampas distribuídas por todo o territorio municipal co obxectivo principal de capturar raíñas, evitando así a formación de novos niños e a posterior proliferación da especie durante os meses de verán.
A presenza da Vespa velutina supón un impacto significativo, especialmente no ámbito apícola, xa que afecta directamente ás abellas e, en consecuencia, á produción de mel. Ademais, esta especie invasora altera a biodiversidade local ao interferir no ciclo natural dos insectos polinizadores, fundamentais para o medio ambiente e os cultivos. Tamén incide na seguridade cidadá, polo que reducir a súa presenza contribúe a mellorar a convivencia en espazos públicos e privados.