O Concello de Taboadela defende a súa xestión respecto ao obradoiro de emprego

O Concello de Taboadela responde ás críticas do Concello de Barbadás sobre a cancelación do Obradoiro de Emprego desenvolvido de forma conxunta cos municipios de Barbadás e Toén. Segundo o Goberno muncipal, a súa administración cumpriu estritamente cos requisitos da convocatoria, en particular coa presentación das contas xerais ante o Consello de Contas dentro do prazo establecido.
As contas, explican, foron entregadas o 21 de novembro de 2025, antes do remate do prazo de solicitude, que se pechou o 26 de decembro de 2025, tal e como establece a Orde do 14 de novembro publicada no DOG.
Desde o Concello de Taboadela subliñan que non recibiron ningunha comunicación oficial nin resolución por parte da Xunta de Galicia que xustifique a perda da subvención, polo que remitiron ao concello tractor, Barbadás, un escrito solicitando aclaración, xunto coa documentación acreditativa.
O goberno de Taboadela tamén asegura que, nas conversas mantidas coa Xunta de Galicia, se lles trasladou que a candidatura do obradoiro será aprobada nunha próxima convocatoria que se tramitará en breve. O Concello recalca que seguirá defendendo a transparencia na xestión e os intereses da veciñanza, mantendo a súa versión de que cumpriu coas obrigas administrativas esixidas.
As críticas de Barbadás ao respecto sinalaban que a cancelación do proxecto se produciu polo suposto incumprimento de Taboadela, o que, segundo o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, prexudica á poboación ao perder 24 postos de traballo anuais en áreas como servizos sociosanitarios e prevención de incendios. Diante destas alegacións, Taboadela insiste en que cumpriu os prazos e que as acusacións carecen de base documental.