O Concello de Xunqueira de Ambía celebrará un pleno este venres tras oito meses de inactividade

Despois de oito meses sen convocar ningún pleno, o Concello de Xunqueira de Ambía celebrará unha sesión plenaria este venres, 6 de xuño. Será a primeira reunión deste tipo tras máis de 204 días sen actividade plenaria.
Desde o BNG de Xunqueira de Ambía levan tempo denunciando esta situación, que consideran “unha vulneración dos principios de transparencia e do correcto funcionamento democrático da institución municipal”. Agora, valoran positivamente a decisión do goberno local de retomar as sesións, xa que permitirá “recuperar o control democrático” do concello.
Tal como se acordou ao inicio do mandato, os plenos ordinarios deberían celebrarse cada dous meses, concretamente o último venres de cada mes. Porén, este acordo estivo sen cumprirse durante máis de medio ano.
A formación nacionalista lembra que leva meses esperando poder someter a debate unha moción para nomear a Biblioteca Municipal como ‘Biblioteca Celsa García Gómez’, “en recoñecemento ao seu labor durante 40 anos como figura referente na difusión e acceso á cultura neste concello”.
A proposta foi rexistrada en outubro de 2024, pero non puido ser debatida pola ausencia de plenos. O texto tamén insta ao goberno municipal a instalar unha placa conmemorativa e organizar un acto de homenaxe a Celsa García Gómez, “quen converteu a nosa biblioteca nun espazo de encontro e aprendizaxe polo que, nalgún momento, pasamos todas e todos”, sinalaban desde o BNG no momento do rexistro da moción.