O Concello de Xunqueira de Ambía rexeita darlle o nome de Celsa García Gómez á biblioteca

O Concello de Xunqueira de Ambía celebrou este venres o seu primeiro pleno despois de máis de oito meses. O BNG, que celebraba este anuncio logo de máis de 200 días de silencio institucional neste sentido, logrou presentar ante o Goberno municipal do PP unha moción para darlle o nome de Celsa García Gómez á Biblioteca Municipal.
A proposta, que fora rexistrada a finais de 2024, foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno. O alcalde, José Luis Gavilanes, xustificou a decisión alegando que o cambio non era posible. Iso si, asegurou lamentar a situación e manifestou o seu agradecemento pola labor desta veciña.
Porén, dende o BNG de Xunqueira de Ambía expresan o seu pesar por esta decisión. “Levabamos unha proposta que saíu do corazón, que está baseada no respecto, na memoria viva do noso pobo, e sobre todo no agradecemento colectivo”.
“Celsa”, explican, “non foi unha traballadora máis do concello. Foi, durante máis de tres décadas, a alma da cultura e das festas populares en Xunqueira de Ambía.
A súa entrega foi sempre total, e sempre desde o cariño, desde a empatía, desde a cercanía. Nunca mirou o reloxo, nunca dixo que non. Sempre cun sorriso, con paciencia, e cunha ilusión que contaxiaba a grandes e pequenos”.
A voceira, Sonia Vidal Lamas, lembrou que “moitas das persoas que hoxe estabamos no pleno, e outras que hoxe son nais, pais, avós, etc.”. Por iso, considera que “non hai argumento que poida negar que Celsa García é, foi e seguirá sendo sinónimo de cultura, infancia, ilusión e Xunqueira de Ambía”.
“Pedíamos un recoñecemento á persoa que, con amabilidade, con entrega e cun compromiso absoluto, construíu cultura, teceu comunidade e sementou educación neste concello”, sentencian.