O Concello e o escultor Ramón Conde avanzan nunha iniciativa para homenaxear á Cidade dos Muchachos

O Concello de Ourense homenaxeará a Cidade dos Muchachos cunha escultura que podería realizar Ramón Conde. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no salón de plenos o artista ourensán para avanzar neste proxecto, iniciativa do propio rexedor.
Ao remate da xuntanza, Pérez Jácome explicaba que o Concello de Ourense “quere facer unha obra representativa da Cidade dos Muchachos, e entendemos que a pirámide de Benposta, formada por mozos e nenos, é a mellor icona. Por este motivo, mantivemos unha xuntanza co famoso escultor ourensán Ramón Conde para avanzar nesta idea, que xa lle propuxeramos previamente e que esperamos plasmar proximamente”.