O Concello establece un novo procedemento para a actuación das entidades de certificación municipal
A Concellería de Urbanismo establece o procedemento para a actuación das entidades de certificación municipal (ECCOM) no Concello de Ourense. As ECCOM son aquelas entidades autorizadas pola administración para certificar, verificar, inspeccionar e controlar a conformidade de instalacións, establecementos e actividades coa normativa de aplicación municipal.
Explica a Concellería que isto supón que as persoas interesadas poderán acompañar as solicitudes de licenza de actividades e comunicacións previas cun certificado de conformidade municipal expedido por calquera destas entidades autorizadas, de tal forma que se facilitará a verificación municipal para aumentar a eficiencia e axilidade administrativa.
Isto súmase a unha simplificación de procesos administrativos posta en marcha que permitirá estender o uso da comunicación previa todo o que a lexislación permita: reformas en locais, vivendas... Mentres, se traballa nunha nova ordenanza de licenzas que dote o Concello de máis ferramentas que lle permitan simplificar e facilitar todo tipo de trámites á cidadanía, sinalan desde a Concellería.
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, agradece ao persoal da Concellería de Urbanismo o traballo realizado para conseguilo, en especial ao xefe de servizo de Licenzas e ao director de Rehabilitación Urbana e PERI, “por entender os cambios necesarios e o seu gran traballo para lograr estes avances."