O Concello estuda ampliar a flota de transporte público tras os cambios nas liñas

O Goberno Local de Ourense confirmou que podería ser necesario aumentar a flota de autobuses urbanos debido á insuficiencia dos vehículos actuais para cubrir todas as rutas, tras os cambios introducidos nas liñas o pasado 16 de setembro. A confirmación produciuse durante a Reunión da Área de Administración Xeral, Loxística e Seguridade Cidadá, a raíz das preguntas plantexadas polo grupo municipal do BNG.
O portavoz nacionalista, Luís Seara, lembrou que desde hai anos advertiran sobre a necesidade de planificar previamente o tipo de autobuses e as rutas antes da adquisición de novos vehículos. Segundo Seara, a capacidade dos microbuses resulta insuficiente en moitas liñas, o que evidencia que a flota actual non alcanza para cubrir a demanda. Preguntados sobre a fórmula para a posible ampliación da flota, desde o Concello non ofreceron detalles.
Noutra das sesións da Xunta da Área de Servizos Sociais, o concelleiro Rhut Reza cuestionou o traslado da UNIS desde o Barrio do Couto. A administración confirmou que a nova ubicación non estaría nin en Couto nin en Carballeira, o que para o BNG podería implicar o seu peche definitivo. Reza subliñou a importancia de manter esta unidade no barrio, dada a súa poboación con alta presenza migrante e a necesidade de servizos sociais próximos.
O estado do manancial de Tinteiro tamén foi motivo de debate na Xunta da Área de Infraestruturas. O concelleiro Xosé Manuel Puga preguntou pola súa reparación, xa que actualmente a auga mestúrase coa do río, perdendo as súas propiedades. A resposta do concelleiro responsable indicou que a solicitude debía proceder da Concellería de Balnearios, mentres que a concelleira Noa Rouco sinalou que non contaba con información precisa.
O BNG sinalou que estas situacións evidencian a falta de coordinación do Goberno Local, con concelleiros que derivan responsabilidades e descoñecen mesmo os límites das súas competencias.