O Concello levará este xoves ao pleno unha modificación de crédito de 25 millóns de euros

O Concello levará este xoves ao pleno unha modificación de crédito por un importe de arredor de 25 millóns de euros. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pedirá o apoio dos grupos para sacar adiante dita modificación e avisa de que, se non é posible, convocará un novo pleno o 21 de outubro e vinculará a medida a unha cuestión de confianza.
Segundo o rexedor, ambas propostas inclúen “proxectos de especial relevancia para a cidade”, así como o financiamento necesario para executar os fondos FEDER recentemente obtidos polo Concello dentro do Plan EDIL. “Agardamos que as dúas modificacións de crédito sexan aprobadas co voto favorable ou coa abstención dos demais partidos”, afirma o alcalde, que considera que “non hai motivo para votar en contra”.
En particular, refírese á modificación orzamentaria 6P/2025, que mobiliza 25,7 millóns de euros destinados principalmente a investimentos en obras e melloras urbanas.
“Todos están a favor das obras que se queren realizar. Falaremos cos demais grupos nas próximas horas e días e agardamos que voten a favor ou se absteñan”, avanzou.