O Concello pide á Xunta medidas para garantir a seguridade baixo a nova pasarela do Barbaña

OurenseXa
Advirten que a pasarela, que conectará a contorna das Burgas coa Molinera, elévase preto de dous metros sobre o terreo, deixando un espazo libre e accesible baixo a estrutura
pasarela-barbaña-obras
Obras na pasarela do Barbaña
7 Oct 2025

O Concello de Ourense reclamou á Xunta de Galicia que adopte medidas para asegurar a seguridade e a salubridade no espazo situado baixo a nova pasarela peonil que se constrúe na marxe do río Barbaña.

O concelleiro de Infraestruturas, Francisco Lorenzo, trasladou esta petición durante unha visita ás obras na zona de Ponte Codesal, na que tamén participaron a directora territorial de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, Pilar Fernández León, o director provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Marcos Buide Pollán, e representantes da empresa construtora Extraco.

Lorenzo explicou que a pasarela, que conectará a contorna das Burgas coa Molinera, elévase preto de dous metros sobre o terreo, deixando un espazo libre e accesible baixo a estrutura. Segundo advertiu, esta característica “pode xerar riscos de seguridade e salubridade”.

“Trasladámoslle á Xunta a nosa preocupación, porque esta obra non pode quedar así. Deixa un espazo completamente accesible, no que cabe perfectamente unha persoa, e se non impiden o paso pode dar lugar a problemas de seguridade e salubridade. Xa llo advertimos con anterioridade e volveremos facelo tamén por escrito. Pedímoslle que busquen unha solución, como pode ser pechar o acceso cunha malla metálica ou outra opción alternativa”, sinalou o concelleiro.

O Concello insistiu en que a intervención da Xunta é necesaria para evitar posibles situacións de risco e garantir que o novo equipamento urbano se integre de forma segura no entorno.

⚙ Configurar cookies
0.08470892906189