O concurso de pinchos 2025 desenvolverase durante as Festas de Ourense

O concurso de pinchos de Ourense incorporará moitas novidades na súa edición deste ano, que terá novas datas, premios, categorías e iniciativas para promocionar a hostalería local. O Concello de Ourense organizará e patrocinará directamente a actividade, segundo afirmaron este venres nun comunicado, co obxectivo de “relanzar este concurso”.
A primeira das novidades serán as datas: o concurso desenvolverase no mes de xuño, desde o venres, día 13, até o sábado, 21, aproveitando a semana das Festas de Ourense, que transcorrerán desde o día 18 ao 22. Os prezos dos pinchos deberán estar entre 2,50 e 4 euros.
En canto aos premios, incrementaranse na categoría de Pincho Creativo e haberá tamén distincións aos mellores Pinchos Clásicos, coa finalidade de recoñecer e promocionar as mellores delicatessens permanentes da cidade. Tamén haberá premio ao mellor Pincho Celíaco e ao mellor Pincho Estético.
Os premios serán ponderados, unha mestura entre o voto popular e o do xurado profesional, e a gran gala de premiados será o domingo 22, compaxinando lugar e momento coa última actuación musical das Festas de Ourense, antes da tirada dos fogos artificiais.
Ademais, os locais premiados e todos os participantes terán máis presenza, cunha campaña de difusión previa e posterior ao concurso, sinalan dende o goberno municipal.
Con estas novidades, “será un gran concurso 2025”, manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, logo de reunirse no día de onte, xunto coa concelleira de Turismo Noa Rouco, con Pepe “Callos” (Fuentefría), Beatriz Alcalá (Zapataría del Abuelo), Javier Outomuro (A Taberna) e Patricia Fernández, representantes da asociación de hostaleiros e da empresa que habitualmente realizaba este evento.