O Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense aproba o seu primeiro convenio colectivo

O Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento aprobou este venres o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques de bombeiros dependentes desta entidade, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) deste servizo.
Ambos acordos aprobáronse no transcurso das convocatorias da comisión negociadora do convenio e da mesa xeral de negociación do Consorcio, ambas celebradas no Pazo Provincial. Tamén na mesma mañá celebrouse o pleno desta entidade, que ratificou a aprobación do convenio colectivo e maila aprobación inicial da RTP.
O consorcio está integrado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, estando xestionado pola institución provincial.
O convenio colectivo e a RPT serán de aplicación aos 72 bombeiros (18 por centro de traballo) que prestan os seus servizos nos parques do Carballiño-Ribeiro, Valdeorras, Xinzo de Limia e Verín.
Nas convocatorias celebradas esta mañá participaron, segundo a representación establecida, por parte da Deputación de Ourense o deputado Plácido Álvarez (en calidade de presidente do Consorcio e da comisión negociadora e mesa xeral); a vicepresidenta primeira da institución, Marta Nóvoa; e o deputado e José María Lago.
A representación da Xunta estivo encabezada no pleno polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, mentres que o subdirector xeral de Interior e Seguridade, Andrés Iglesias e o xefe do servizo de Emerxencias da xefatura territorial de Ourense, José Olivier, participaron nas tres reunións.
Pola parte dos traballadores, na comisión e na mesa xeral estiveron representados os sindicatos CSIF, CIG, UXT, CC.OO e SIBGAL.