O Cuarteto Junior do Club Ourela logra o terceiro posto na Copa Galega de Grupos de Patinaxe Artística

O Carballiño acolleu este fin de semana a Copa Galega de Grupos Show e Cuartetos de Patinaxe Artística, organizada polo club Aehde, na que participaron distintos equipos da comunidade galega.
A xornada do sábado estivo marcada por problemas na superficie da pista central do Polideportivo Paco Chao, o que provocou retrasos no horario previsto e obrigou a trasladar a competición ao pavillón anexo. A pesar das complicacións, o Cuarteto Junior do Club Ourela, que abría o campionato, realizou a súa actuación sen erros e logrou a terceira posición coa coreografía "Guardianas de la luz". Con este resultado, o equipo reafirma o podio acadado no campionato galego hai dúas semanas e segue preparando a tempada, á espera da confirmación oficial para participar no Campionato de España a mediados de abril en Alcoy (Alicante).
O domingo, a competición celebrouse no pavillón central do complexo, superándose xa os problemas da pista, e a xornada transcorreu con normalidade. O Club Ourela estivo representado polo seu Grupo Show Pequeno Rexional, que participaba por primeira vez nesta tempada. Con case todo o equipo renovado respecto ao ano pasado, conseguiron a oitava posición coa coreografía "El viaje del ticket dorado".
Con estes resultados, o Club Ourela continúa consolidando a súa presenza en competicións autonómicas e preparándose para os próximos retos nacionais.