O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova chega este ano á 21ª edición

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova celebra este verán a súa 21ª edición cun programa dedicado a analizar a proxección internacional do sector audiovisual galego e a explorar os procesos creativos e de produción cinematográfica. A actividade, que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara, está organizada pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Baixo o lema 'Traspasando fronteiras', esta edición pon o foco na consolidación do ecosistema audiovisual de Galicia, o seu equilibrio entre a creación artística e a industria, e os avances cara á súa normalización. Exemplos de filmes xa estreados ou en desenvolvemento servirán como base para o debate.
Durante a presentación do curso no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, destacou a traxectoria desta iniciativa formativa, promovida durante máis de dúas décadas pola Fundación Carlos Casares e a Universidade de Vigo. Sutil salientou que o curso contribúe a achegar ao alumnado á realidade do sector audiovisual, ao permitirlles interactuar cos equipos responsables das producións convidadas.
Sutil tamén cualificou o curso como un espazo consolidado para o debate e a aprendizaxe, pioneiro desde a súa creación tanto polas temáticas como pola combinación de formación teórica e práctica. Subliñou que moitas persoas que participaron como estudantes forman parte hoxe do sector profesional e que os coloquios do curso achegan ideas valiosas para orientar as políticas públicas de apoio ao audiovisual.
O programa deste ano incluirá a análise de dúas webseries destacadas: A moza que abortou e o contou, coa participación das directoras Eire Cid e Rosalía Quiroga, e Pringadas, da man de Belén Puime e Bea Villar. Tamén se afondará en proxectos en marcha como San Simón, coa presenza do director Miguel Ángel Delgado e da directora de produción Analía G. Alonso, ou o documental Aillados, presentado polo seu director, Antonio Caeiro.
A produción Xustiza Artificial será representada polo seu director e guionista, Simón Casal, e a produtora Chelo Loureiro, mentres que a directora Olga Osorio achegará a súa visión sobre El secreto del orfebre. O panorama estatal estará representado por dúas producións catalás: Casa en flames, coa produtora Ana Eiras e a foquista Sarai Sánchez, e Sin él, con intervencións do seu director e guionista Emilio Martínez-Borso e da directora de fotografía María Muñoz.
O curso tamén incluirá actividades formativas complementarias: unha máster class sobre dirección actoral a cargo de Raquel Meleiro e Tony Karra; unha sesión sobre efectos especiais liderada por Pablo Lamosa, do estudio Cormorán VFX; e unha mesa de debate sobre localizacións para rodaxes, coa participación de profesionais e representantes das film commissions de Santiago, Vigo e Rías Baixas.
Como vén sendo habitual, a programación inclúe o taller 'Celanova, plató de ficción', que chega á súa décimo sexta edición baixo a dirección de Paulino Pérez Feijoo. Este obradoiro ten como obxectivo producir unha peza audiovisual en tempo limitado e con orzamento definido. A curtametraxe Lobelia, dirixida por Laura Barriga e creada no marco do taller da pasada edición, será presentada na última xornada do curso.
Desde a súa creación en 2004, o Curso de Medios Audiovisuais de Celanova formou a máis de 1.000 estudantes e contou coa participación de preto de 400 profesionais e docentes, ademais de proxectar arredor dun centenar de filmes e pezas audiovisuais.