O delegado territorial da Xunta en Ourense aborda co alcalde de Taboadela posibles colaboracións para proxectos municipais

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo unha reunión co alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, para repasar as principais necesidades do municipio en ámbitos que dependen da Administración autonómica e estudar posibles vías de colaboración en proxectos de interese local.
Durante o encontro, celebrado en Ourense o 7 de xaneiro de 2026, Pardo puxo o foco na coordinación entre Xunta e concellos como ferramenta clave para ‘garantir servizos e dotacións que permitan equilibrar as condicións de vida e de traballo en todo o territorio’. Nesa liña, trasladoulle ao rexedor o compromiso do Goberno galego de traballar de maneira conxunta no impulso de iniciativas orientadas a reforzar o benestar da veciñanza de Taboadela.
A reunión serviu, así, para establecer un primeiro marco de diálogo co obxectivo de avanzar en actuacións que dean resposta ás demandas do municipio e melloren os servizos dispoñibles no ámbito local.