O Entroido de Frei Canedo elixe o seu cartel oficial

OurenseXa
A gañadora desta edición foi María Jesús Ballester
Asociación Cultural Frei Canedo
Asociación Cultural Frei Canedo
9 Feb 2025

O Entroido de Frei Canedo xa ten cartel oficial para a súa edición de 2025. Os membros da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte elixiron por votación o proxecto gañador do concurso.  A gañadora deste ano foi  María Jesús Ballester, que recibirá un premio de 100 euros durante os actos do pregón do día 3 de marzo, día grande en Frei Canedo.

Este ano, os comercios do barrio tamén poderán sumarse ao ambiente festivo a través do concurso de escaparates. A decoración deberá incluír motivos do Entroido e de Frei Canedo, e os negocios interesados terán ata o 24 de febreiro para inscribirse enviando un correo coa súa información de contacto.

Un xurado visitará os escaparates inscritos durante os días de Entroido, e o gañador, que se anunciará o 28 de febreiro, recibirá un premio de 100 euros e un convite para dúas persoas á cea do luns na carpa.

Primeira Festa de Comadres aberta ao público

Outra das grandes novidades deste ano será a I Festa de Comadres do barrio da Ponte, que se celebrará na carpa do parque situado baixo a Ribeira de Canedo, o epicentro do Entroido no barrio. Por primeira vez, este evento, tradicionalmente reservado para confrades e persoas achegadas á asociación, estará aberto a calquera persoa que desexe participar.

A festa comezará cunha cea e continuará con actuacións musicais. O único requisito para asistir será acudir disfrazado de muller. Próximamente publicarase o menú, o prezo e os puntos de venda das entradas.

Fomentar a participación veciñal

Dende a Asociación Cultural Frei Canedo destacan que estas iniciativas buscan "fomentar aínda máis a participación da veciñanza e dos negocios locais, sumándoos á celebración do Entroido". Ademais, nas próximas semanas darase a coñecer o programa completo de actividades e o resto dos concursos previstos.

O Entroido do barrio da Ponte promete ser un evento cargado de tradición, creatividade e espírito festivo, consolidándose como unha das citas máis importantes do calendario cultural local.

 

cartel-frei-canedo
0.078286170959473