O Entroido de Mugares xa ten cartel e programa para 2026

O Entroido de Mugares regresa en 2026 a Toén cun programa que comezará o próximo 7 de febreiro e se prolongará ata o día 17. A programación inclúe conferencias, xogos tradicionais, comedias, música e actividades populares en distintos espazos do pobo.
Este Entroido, un dos máis antigos da provincia, estivo en risco de perderse ata que en 2002, a Asociación de Mulleres Rurais do municipio comezou a restaurar os vestiarios tradicionais e logrou que a festa saíse á rúa en 2003. Con todo, nos últimos anos a organización quedou en mans da comisión de festas, e por motivos persoais houbo dificultades que puxeron en perigo a continuidade.
Xa en 2024, a Asociación Cultural Entroido de Mugares tomou as rendas desta celebración, devolvéndolle todo o seu esplendor. Grazas á colaboración da Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén, retomouse tamén a investigación sobre a historia e as tradicións do Entroido, descubrindo que a celebración orixinal incluía varios días de festexos, non só o martes.

Así, despois de varios anos, a Asociación conseguiu ir retomando pouco a pouco esta celebración, que este ano contará con catro días de festa, comezando o martes 7 de febreiro ás 17:00 horas, no Centro de Interpretación do Entroido, coa II Conferencia “O Ciclo do Entroido”, que repasará as diferentes festividades que compoñen esta tradición. Esta iniciativa, que comezou o ano pasado, pretende afondar sobre distintos entroidos tradicionais e poñer en valor a súa importancia cultural e social.
Para continuar coas celebracións, o domingo 8 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar o “Domingo de Corredoiro” co xogo tradicional do Galo, música e pasabares a cargo dos Gaiteiros de Castrodeallo.
O domingo 15 de febreiro, ás 16:00 horas, celebrarase un dos eventos máis importantes e representativos deste Entroido, coas tradicionais comedias na carpa do Local Social de Mugares. A recuperación do Domingo de Comedias materializouse o pasado ano, cando a Asociación Cultural Entroido de Mugares logrou devolver a este día a celebración desta tradición, que ata entón se viña realizando o martes por cuestións organizativas.
Durante o domingo tamén se entregarán os premios aos mellores carteis e disfraces, e a festa continuará con karaoke animado por DJ Smile e o concerto do grupo Sublunar.
O programa rematará o martes 17 de febreiro, día grande do Entroido, coa saída dos Labardeiros desde a igrexa ás 12:00 horas, seguida ás 12:30 por unha sesión vermú e un cocido popular no Local Social. Pola tarde, ás 16:00 horas, sairá a comparsa acompañada pola charanga Os Chafalleiros.