Roberto Álvarez, presidente da Asociación Cultural Entroido de Mugares: “Queremos recuperar as tradicións"

OurenseXa
Roberto Álvarez explica como foi o proceso de recuperación desta tradición con séculos de historia
entroido-mugares
2 Feb 2025

Falamos con Roberto Álvarez presidente da Asociación Cultural Entroido de Mugares, que explica como co paso dos anos esta vila situada no concello de Toén vai recuperando pouco a pouco unha das súas tradicións máis antigas: o Entroido de Mugares.

Como decidistes crear a asociación?

Xurdiu despois de ir ao Vibo Mask en Viana do Bolo. Alí decatámonos de que case todos os Entroidos estaban organizados por asociacións e pensamos que nós tiñamos que facer algo parecido. Así que decidimos crear a nosa propia asociación e presentámola oficialmente en outubro do ano pasado, como unha forma de poñer en valor esta tradición.

Cando se logrou recuperar este Entroido?

O Entroido de Mugares empezou a recuperalo no 2002 unha Asociación de Mulleres Rurais. Primeiro recuperáronse os vestiarios dos labardeiros e señoritas, e no 2003 o Entroido volveu saír á rúa. Despois recuperaron o mazaruco e a mazaruca, pero nos dous últimos anos, por causas persoais, deixaron de organizar a festa e tivo que pasar a encargarse a comisión de festas. Pero claro, existía o risco de que este ano non houbese comisión de festas e de que non se puidese facer, e foi entón cando decidimos creala. Ademais, está a Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén, que investiga sobre a historia e o patrimonio do concello. Grazas a eles tamén fomos descubrindo que había moita máis historia ademais da celebración do Martes de Entroido, que a festa tradicional celebrábase durante varios días, que había un ciclo de festividades. Así que cando creamos a nosa asociación pensamos que tamén era unha forma de seguir investigando. Queremos recuperar as tradicións que se foron perdendo.

Que se sabe das orixes do Entroido de Mugares?

É complicado. Sabemos que é unha tradición moi antiga, pero non sabemos cales foron exactamente as orixes do Entroido de Mugares porque non atopamos nada escrito máis aló dos anos 50. Atopamos un libro de Florentino López Cuevillas que fala disto, do que alguén lle contara sobre esta celebración. Pero claro, isto só nos leva a comezos do século pasado, e para coñecer de verdade as orixes teriamos que remontarnos máis atrás. Agora estamos facendo entrevistas á xente maior, de máis de 90 anos, incluso algunha centenaria. Elas cóntannos que xa os seus pais, cando casaron, tiveron que vestir os Mazarucos, fáloche do ano 1914. Pero tamén antes pensabamos que os Mazarucos e Mazarucas eran dous mecos, e agora sabemos que son moito máis. Pouco a pouco, grazas á xente maior, imos coñecendo un pouco máis da súa historia.

Por que se perdeu?

Pois é curioso, porque aguantou a Guerra Civil e a posguerra, que fixeron desaparecer moitos. Pero despois, de súpeto, desapareceu. O que conta a xente é que, nos anos 60, como había moitísima emigración, foise perdendo porque ao final os que o organizaban eran os mozos, que eran os que emigraban.

Que o diferencia doutros entroidos?

Pois, por exemplo, os nosos traxes son brancos e adornados con moitas flores de cores; representan dalgún xeito a saída do inverno e a benvida á primavera. É unha forma de despedir ese tempo escuro do inverno e abrir paso á primavera con todas as flores e lazos de cores. É unha celebración moi bonita e moi alegre, chea de cor.

Como van ser esas celebracións?

Pois este ano comezamos o día 23 de febreiro cunha conferencia da que pronto avanzaremos máis detalles e na que contaremos cos Amigos do Patrimonio de Toén. Ademais, queremos que este ciclo sexa anual e o ano que vén esperamos contar con outros Entroidos invitados para que nos conten máis sobre as súas tradicións e contarlles nós como son as nosas. Ao final, todos celebramos o Entroido os mesmos días, así que nunca nos podemos ver uns a outros. Por iso pensamos que é interesante propoñer nós un día e un lugar para atoparnos, para coñecer máis sobre o que podemos ter en común e tamén sobre o que nos diferencia. Ademais, este ano tamén recuperamos o Domingo de Comedias, que antes se facía o martes por cuestións de organización, pero as comedias sempre foron o domingo. E, por suposto, o martes de Entroido, cando sairán os Labardeiros e as Señoritas.

Cada ano vai medrando

Si, imos pouco a pouco. Este ano aproveitamos un día para facer a conferencia e recuperamos o domingo. Xa son tres días de celebracións. Ao final, primeiro temos que chegar á xente e hai moito traballo humano detrás. Imos pouco a pouco. Tampouco podemos pretender chegar e recuperar o ciclo enteiro do Entroido, que dura case un mes, dun día para outro.

Que outras actividades levades a cabo desde a Asociación?

Pois, por exemplo, agora temos o 8 de febreiro un obradoiro para aprender a elaborar o gorro de Labardeiro. Tamén fixemos obradoiros para aprender a elaborar os traxes de Señorita. Ademais, organizamos tertulias cos veciños para poñer en común o que sabemos do Entroido e que eles tamén nos conten. Ao final, levamos facendo actividades todas as semanas desde hai tempo. O 26 de febreiro imos a Cabeza de Vaca á residencia de maiores, tamén estaremos no Liceo de Ourense para gravar un programa sobre o Entroido. E, por suposto, estamos moi activos nas redes sociais porque ao final é a forma de darnos a coñecer.

0.16479992866516