O Entroido de Mugares xa ten datas e cartel oficial
A Asociación Cultural Entroido de Mugares organizou este ano por primeira vez un Concurso de Deseño do cartel do Entroido 2025, dirixido ao alumnado do CEIP Saco e Arce de Toén.
O gañador foi elixido polo xurado formado por seis membros da directiva da Asociación Cultural Entroido de Mugares, dous membros da Asociación de Veciños de Mugares e un membro do Concello de Toén.
A iniciativa, explican desde a Asociación, foi posible grazas á colaboración do profesorado do centro, o Concello de Toén e, especialmente, á libraría Moraima, patrocinadora do evento, que será a encargada de outorgar o premio final ao gañador ou gañadora deste concurso vindeiro 2 de marzo durante o Domingo de Comedias.
A festa, declarada de Interese Turístico Provincial e con máis dun século de historia, celebrarase os días 23 de febreiro e 2 e 4 de marzo.
Como mostra de agracedemento a todos os rapaces e rapazas do centro educativo, a asociación estivo a repartir esta semana pulseras do Entroido entre o alumnado. Destacan, ademáis, a calidade de todos os traballos presentados.