Ourense quedará este ano sen a tradicional Loita de Mecos que daba comezo ao Entroido

O grupo municipal socialista lamenta que logo de anos de tradición, o actual goberno do Concello de Ourense decidise suprimir a loita de mecos que daba comezo ao entroido na capital e que tiña lugar na Praza Maior cada xoves de comadres. “É unha mágoa que a Concellería de Educación non continúe cun sinal de identidade no que participaban ao redor de 300 nenos e nenas cada ano e que ía máis aló da propia actividade ao mergullarse a cativada nos costumes do noso entroido”, sinala a edil do PSdeG Cristina Cruz.
Eran varios os centros de ensino os que cada ano participaban neste acto de pistoletazo de saída e ensinaban ao alumnado a elaboración dos mecos. Nesta ocasión, a loita de mecos limitarase aos patios dos colexios que poidan celebrala. “Non comprendemos que o alcalde non a incluise na programación de entroido deste 2025 nin dese explicacións ao respecto”, inciden.
Así, o Entroido queda sen unha das tradición máis queridas, especialmente entre a cativada, e comezará oficialmente ás 19.30 horas do xoves 27 de febreiro coa actuación de Trópico de grelos e Felga polas rúas da cidade, seguida do grupo Tatoo e os DJ Pancho e Alex Martini.