O Entroido galego será declarado Ben de Interese Cultural nos vindeiros días

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este xoves que a Xunta declarará “nos vindeiros días” o Entroido galego como Ben de Interese Cultural. Deste xeito, salientou que unha das tradicións “con maior arraigamento popular” en Galicia pasará a contar coa máxima protección, ”acorde coa súa relevancia no noso patrimonio inmaterial”.
Así o adiantou o responsable de Cultura nunha visita ao Museo do Entroido, na localidade ourensá de Xinzo de Limia, coincidindo con estes festexos de inverno por todo o territorio galego. Acompañado polos directores xerais de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e de Cultura, Anxo M. Lorenzo, lembrou que os trámites para esta distinción comezaron en 2024 co obxecto de “darlle o xusto valor e recoñecemento a unha das celebracións máis estendidas, queridas e populares de Galicia”.
De igual xeito, puxo en valor o “interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial“ desta celebración, á que erixiu como “unha das máis plurais, ricas e diversas” nas súas diferentes manifestacións, espalladas por todo o territorio galego. Ademais, enxalzou o seu “espírito lúdico” como unha das súas “cernas características”, o que propicia “a sociabilidade e a convivencia interxeracional, fornecendo a identidade colectiva non só do lugar en concreto onde se celebra, senón de todo o pobo galego”.
O conselleiro celebrou que, con esta aprobación, serán xa 784 os Bens de Interese Cultura existentes en Galicia. Deles, 111 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei de Patrimonio Cultural de 2016, “unha cifra que reflicte o importante compromiso do Goberno por protexer, conservar e pór en valor o patrimonio sobranceiro da Comunidade”, destacou.
Interese etnolóxico, función social e riqueza patrimonial
López Campos lembrou que se decidiu tramitar a declaración do Entroido galego como Ben de Interese Cultural “no seu senso máis amplo, sen cinguirse só a un festexo dunha localidade en particular”. Ao respecto, aclarou que en Galicia xa existen entroidos que contan con este recoñecemento, como son os de Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (A Pobra do Brollón) e Esgos, declarados BIC no marco da declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018.
Por outra banda, o conselleiro tamén subliñou “o grande interese” que espertan os festexos do Entroido que “atraen a milleiros de visitantes e xeran, deste xeito, riqueza nas localidades onde se organizan”. Así, apuntou a que varios deles contan xa coa distinción de festas de interese turístico, en referencia ao de Xinzo de Limia, con rango internacional; o de Verín, no eido nacional; e outros nove recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais da Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.
Ante esta variedade e riqueza, López Campos animou a todas as galegas e galegos, ao igual que os visitantes que se achegan estes días á Comunidade, a participar nestas celebracións, “que adobían tradición e adaptación aos novos tempos, configurando un dos patrimonios culturais máis vivos e como non, divertidos, cos que conta Galicia”.