“O Entroido serve para unir á xente que está fóra e manter o vínculo co pobo e coas súas raíces”


Os veciños de San Pedro da Mezquita prepáranse un ano máis para celebrar o seu Entroido tradicional, co regreso dos “Galos”. Esta tradición, con máis de 250 anos de historia, foi recuperada hai uns anos grazas ao labor dalgúns dos seus veciños.
Rosa Pérez, portavoz da Asociación Galos da Mezquita, creada no ano 2014, explica que despois dunha época escura na que esta tradición quedou relegada ao esquecemento, nos anos 90 un grupo de veciños decidiu volver sacar os Galos ás rúas, aínda que a súa iniciativa non prosperou. Porén, xa nos anos 2000, Ramón Borrajo e a propia Rosa decidiron volver saír vestidos de Galo. Ela, de feito, foi a primeira muller adulta en facelo, xa que a tradición establecía que este traxe estaba destinado só a homes solteiros e nenos.
Durante uns anos, só saían eles dous. “Ás veces xuntos, ás veces el só, xa que eu non vivo na aldea”, conta Rosa. Nesa etapa, tamén saían os “mecos”, xente vestida de “feos” ou con roupa vella que atopaban pola casa e que os acompañaba. “Pero de Galos”, recalca, “só nós dous”.
Pouco a pouco, conta Rosa, a xente foi animándose e, finalmente, no ano 2014, crearon a asociación, que hoxe conta con arredor de 80 membros, aínda que non todos se visten de Galos. Ese mesmo ano, desde a asociación organizouse un obradoiro de elaboración de galos e conseguiron saír ás rúas un total de 27. Foi o comezo oficial da recuperación deste traxe tradicional. Ademais, destaca a portavoz, xa ese ano se incorporaron moitas mulleres. “Incluír ás mulleres foi un paso fundamental”, subliña Rosa, que explica que a partir de aí, cada ano son máis os galos que saen ás rúas.
“A cousa vai moi ben, estamos moi contentos. Desde que se creou a asociación, cada ano apúntase máis xente. Hai persoas que antes saían co traxe de Galo e agora non, pero vai entrando xente nova”, asegura. “É un Entroido familiar, pequeno e enxebre. Tampouco buscamos que se masifique porque perdería a súa esencia, que non é outra que a de unir o pobo e celebrar a nosa tradición todos xuntos. Moitos de nós non vivimos no pobo, vimos doutras cidades como Lugo, A Coruña, Santiago, Bilbao ou Madrid. O Entroido serve para unir a xente que está fóra e manter o vínculo co pobo e coas súas raíces. Isto é fundamental”.

Sobre este traxe tradicional, a portavoz da asociación fai fincapé na complexidade da súa elaboración. “Leva moito tempo e moito traballo. Primeiro faise con cartón e papel, cada familia fai o seu na casa; hai que recortar, deixalo secar, darlle forma á cabeza, agardar a que quede redondeada e logo pegar todo. Non é algo que se poida facer nunha semana, hai que empezar polo menos un mes antes do Entroido para poder telo preparado. Unha vez feito, é máis doado recuperalo dun ano para outro cando se estraga”. Actualmente, na asociación contan xa con arredor de 50 Galos preparados polos veciños.
Outro “problema”, explica, é a complexidade para vestirse. Como ocorre con outros traxes tradicionais, o traxe de Galo está composto por numerosas pezas. “Vestirse leva polo menos unha hora. Primeiro hai que deixalo todo preparado para telo listo, colocar as panoletas, as polainas, os colares, o bastón, o mantón, o antifaz… Non é algo que poidas poñer ás présas, por iso hai quen prefire saír vestido de ‘feo’ con roupa vella que teñan na casa, como se facía antigamente”.
A diferenza do que ocorre con outros entroidos tradicionais, os Galos de San Pedro da Mezquita non levan chocas nin instrumentos de ruído, pois a súa banda, creada en 1885, acompañaba as celebracións con música. “Os Galos ían lucíndose, movéndose para que os papeis e as panoletas parecesen plumas, mentres a música soaba detrás. Non facía falta ningún ruído”.
Agora, esta pequena parroquia da Merca prepárase xa para ver saír os Galos, que farán a súa entrada triunfal polas rúas do pobo o domingo, 15 de febreiro.