O escalador ourensá, Iván Pacios, representará a España na selección sub-17 de escalada de velocidade

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu Pazo Provincial a Iván Pacios, o novo escalador ourensán que representará a España na selección sub-17 na modalidade de escalada de velocidade nas probas que se disputarán en Europa.
Luis Menor felicitou ao deportista pola clasificación conseguida o pasado 10 de maio na cidade de Cáceres, que lle permitirá vestir as cores da selección española. O presidente provincial puxo en valor a “entrega e sacrificio” co que adestra Pacios, o que lle permitiu cumprir o soño de representar ao seu país e que supón “un orgullo para todos os ourensáns”. Ademais, reivindicou ao escalador como “un exemplo a seguir para todos os rapaces que están a practicar esta disciplina”.
Iván Pacios formou parte da primeira promoción da escola Asesou no 2017, cando eran unicamente 30 rapaces e adestraban como unha actividade extraescolar. Recentemente, conseguiu a medalla de ouro na Copa de España de escalada de velocidade e no 2023 xa acadou o primeiro posto na súa categoría no Campionato de España.