O Festival Internacional de Xardíns de Allariz selecciona os proxectos que formarán parte da edición de 2026

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz xa ten seleccionados os proxectos que formarán parte da súa próxima edición en 2026, cuxo lema será “Xardíns da Liberdade”. O xurado encargado da elección reuniuse recentemente para valorar as 57 propostas recibidas desde diferentes puntos de Galicia, España e outros países de Europa, América e África.
Esta convocatoria espertou un notable interese internacional, con proxectos procedentes de países como Portugal, Austria, Italia, Sudáfrica, Colombia, México, Estados Unidos e varios máis. A temática desta edición convida a reflexionar sobre a liberdade desde distintas perspectivas: a natureza, as persoas e a sociedade, destacando o xardín como un espazo para a creatividade, a resistencia e o encontro.
Finalmente, foron seleccionados nove proxectos que reflicten esa diversidade e visión do concepto de liberdade. Entre eles destacan iniciativas internacionais como “Ék-tasis” de Portugal, “TIME OUT – Free yourself from the digital” de Austria, ou “The garden of floral disobedience”, unha colaboración entre Sudáfrica e Países Baixos. Tamén hai propostas que chegan de España, como “Bam-Boom” de Murcia, “Liberar poñendo límites” de Madrid e “Xardín Crisálida” da Coruña, ademais de proxectos conxuntos entre México e Barcelona, ou Colombia e Chile.
O xurado, formado por expertos en paisaxismo, representantes académicos e membros do Concello de Allariz, tamén decidiu crear unha lista de proxectos suplentes para posibles incorporacións, así como outorgar unha mención especial ao proxecto “O xardín das delicias” presentado pola Unidade Hospitalaria de Rehabilitación Psiquiátrica do Hospital Piñor de Ourense, recoñecendo o seu compromiso e valor, aínda que non fora seleccionado para a mostra principal.
Con máis de 37.000 metros cadrados adicados á exposición, o Festival de Allariz é unha cita clave para o deseño de xardíns contemporáneos que combinan arte e conciencia ambiental. A edición número 16 abrirá as súas portas en maio de 2026 e estará aberta ata finais de outubro, consolidándose como un dos eventos máis relevantes a nivel internacional no ámbito do paisaxismo.