O Foro Liceo reivindica a necesidade de implantar a alta velocidade na totalidade da variante entre Taboadela e Ourense

OurenseXa
“Planificada a construción da variante e dividida en 5 tramos, dous están en obras con grande atraso, e son os que xuntan Taboadela e Seixalvo, mentres que os que unirían coa estación Empalme están en trámites a día de hoxe, sen data de comezo”
vía-tren-adif
25 Nov 2024

O Foro Liceo fai patente a necesidade da construción da totalidade da variante do ferrocarril entre Taboadela e Ourense en infraestrutura de Alta Velocidade.

Explican que “o trazado actual en vía única, compartida por trens de pasaxeiros e mercadorías que se construíu como tramo provisional, mantense en precariedade co grave inconveniente de que calquera percance que se produza nel tería como consecuencia a interrupción da comunicación ferroviaria de Galicia co centro de España”.

“Planificada a construción da variante e dividida en 5 tramos, dous están en obras con grande atraso, e son os que xuntan Taboadela e Seixalvo, mentres que os que unirían coa estación Empalme están en trámites a día de hoxe, sen data de comezo”, lembran. Por iso, explican que “sería de desexar que canto se remate a remodelación da estación, cuxas obras acaban de comezar cun prazo contratual de 73 meses, estivese tamén en servizo todo o tramo que substitúa ao agora provisional coa dobre vía e resto de características de A.V.”.

O Foro Liceo está formado polo Liceo de Ourense, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Asociacion de Jóvenes Empresarios de Ourense, o Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, a Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas, o Colexio de Economistas de Ourense, a Federación de Comercio de Ourense, a Agrupación Provincial de
Libreiros de Ourense, a Federación de Librerías de Galicia, a Asociación Empresarios Polígono San Cibrao, o Colexio da Avogacía de Ourense, o Centro Comercial Aberto Ourense Centro, a Asociación de Constructores de Ourense, o Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria de Ourense, o Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, coa colaboración do campus de Ourense da Universidade de Vigo.

0.18780493736267