O futuro instituto do Pereiro de Aguiar xa conta con licenza urbanística

A Xunta de Goberno do Concello do Pereiro de Aguiar aprobou na súa reunión da semana pasada a licenza urbanística necesaria para a construción do novo IES do municipio. A solicitude fora presentada pola Consellería de Educación como paso previo á licitación dunha obra considerada estratéxica para a localidade.
A futura infraestrutura educativa permitirá impartir ensinanzas de Educación Secundaria e Bacharelato e suporá un investimento próximo aos 10 millóns de euros. A licitación está prevista para o primeiro trimestre de 2026, co obxectivo de iniciar as obras ese mesmo ano.
O proxecto figura entre as actuacións máis destacadas recollidas nos orzamentos da Xunta para a provincia de Ourense en 2026. O alcalde do Pereiro, Luis Menor, subliñou a relevancia que terá o novo instituto ao afirmar que será “clave para o noso municipio ao permitir que a nosa mocidade, deses niveles educativos, xa non teñan que desprazarse a outros municipios. Afianzamos poboación, atraemos a novas familias e incrementamos os servizos do noso concello”.