O GES de Maceda conta cun novo camión autobomba
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes en funcións, Diego Calvo, participou hoxe nunha nova entrega de equipamento a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia. En concreto, un furgón de servizos varios (FSV) para o GES de Lobios e un camión tipo Bomba Rural Pesada (BPR) para o GES de Maceda, que suman unha achega de máis de 374.200 euros. Ao acto de entrega tamén acudiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
Por unha parte, o camión destinado ao GES de Maceda conta cunha capacidade de 3.000 litros e bomba centrífuga con presión combinada e lanzamento de auga en baixa e alta presión. O Goberno galego investiu nesta nova dotación máis de 259.300 euros. A Xunta mantén así o compromiso por mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e, nesta liña, o GES de Maceda foi un dos novos servizos creados en 2021 para mellorar a atención das emerxencias.
Por outra banda, o GES de Lobios contará cun novo furgón de servizos varios, un vehículo todoterreo 4x2, cun custe de 115.000 euros, que será de utilidade en primeiras saídas en intervencións, sobre todo en zonas de difícil acceso, e na extinción de pequenos incendios. Co obxectivo precisamente de atender este tipo de incidencias vai equipado con material de sinalización e emerxencias e cun kit de material de rescate en altura. Cómpre lembrar que este grupo foi un dos da provincia de Ourense que en 2021 viu incrementado o seu persoal para que todos os GES da comunidade contasen con 12 efectivos. O vehículo permitirá mellorar a eficacia das intervencións do grupo no concello de Lobios e nos de Entrimo, Calvos de Randín, Porqueira, Lobeira, Bande e Muíños.
Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.
A entrega de hoxe forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos.
O vicepresidente primeiro tamén explicou que o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros anuais.
Cómpre lembrar que a Xunta aprobou a comezos de 2022 a sinatura dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Deputación provincial de Ourense, vixente ata finais deste ano, para financiar o desenvolvemento dos GES desta provincia. Así, ao abeiro deste acordo aceptouse a proposta do Goberno galego para mellorar a atención na provincia e mellorar as condicións dos efectivos dos GES: incrementouse o cadro de persoal dos grupos que no seu momento foron concibidos como subGES con 6,9 ou 10 membros, que supuxo sumar 2 efectivos no de Lobios visitado hoxe, 3 no de Muíños, 6 no de Laza, 2 no de Ribadavia e 3 no de Avión, é dicir, 16 novos integrantes.
Ademais, incrementouse o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova ata os 320.000 euros fronte aos 155.000 anteriores e actualizouse a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real respecto ao primeiro convenio asinado en 2013.