O Goberno central investiu máis de 13,8 millóns de euros en actuacións turísticas na provincia de Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou “a revolución turística” que supuxo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España para a provincia de Ourense, “cunha inversión sen precedentes”. Así o expresou no embarcadoiro de Cortegada, durante a presentación das rutas fluviais en ecobarco enmarcadas no Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal.
Na súa intervención, Eladio Santos explicou que desde que se puxo en marcha o PRTR, o Goberno de España investiu de xeito directo en turismo na provincia de Ourense máis de 13,8 millóns de euros, dos que 8,7 millóns foron para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD); 1,3 millóns para o PID da Deputación Ourense Cerca de ti;1,1 millóns para a intervención do Parador de Santo Estevo e 2,6 millóns no Conxunto Histórico Pazos de Arenteiro. A estas axudas, hai que sumar máis de 10 millóns de euros destinados á Actuación de Cohesión en Destino (ACD) Termal de Referencia, da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa maior parte se sitúa na provincia de Ourense.
Ao respecto, o subdelegado indicou que estes plans con orzamentos millonarios “están a revolucionar a forma na que se entende o turismo na provincia de Ourense”. “O Goberno de España fai unha aposta decidida por transformar o potencial turístico da provincia nunha fonte real de desenvolvemento económico, emprego estable e proxección nacional e internacional”, remarcou.
Tamén puxo en valor que a colaboración institucional e “esencial” para levar a cabo proxectos innovadores de este tipo. Por iso, aparte das axudas directas, o Goberno transferiu á Xunta de Galicia máis de 20 millóns de euros para diferentes liñas de axuda de eficiencia enerxética en establecementos turísticos e competencias dixitais, entre outras actuacións. Exemplo desa cooperación é precisamente o PSTD Ourense Termal, financiado polo Ministerio de Turismo (43,56%), a Xunta (43,56%) e a Deputación (12,88%) e que recibiu da Secretaría de Estado de Turismo 1,4 millóns de euros.
Así, Eladio Santos felicitou a todas as Administracións implicadas nas rutas fluviais en ecobarcos, que “son unha nova forma de recorrer os nosos ríos e achegarse á natureza”. “Iniciativas como esta teñen impacto directo na economía local. Benefician aos pequenos negocios e aos produtores da zona e axudan a crear emprego e fixar poboación no rural”, sostivo.