O Goberno de Jácome aproba unha modificación de crédito de 25 millóns

O Concello de Ourense aprobou esta mañá durante o pleno extraordinario unha modificación de crédito de arredor de 25 millóns de euros grazas ao voto favorable dos socialistas.
En concreto, dita modificación mobilizará 25,7 millóns de euros destinados principalmente a investimentos en obras e melloras urbanas, segundo explicaba o executivo municipal, aínda que tamén contempla outras cuestións como sentenzas xudiciais. O propio alcalde xa amosara previamente que vincularía dita modificación a unha cuestión de confianza no caso de non saír adiante, xustificando que se trata de financiar “proxectos de especial relevancia para a cidade”.
A pesar do voto favorable, os socialistas mostraronse moi críticos coas políticas de Pérez Jácome e lembraron que as modificacións de crédito levadas a pleno contan con informes desfavorables.
“Non se trata dun debate político. Cando o alcalde trae asuntos a este Pleno sen consenso, sen tempo e con moito ruído, é porque non lle interesa en absoluto que se aproben. Por iso os trae así, en bloque, e non negocia, senón que extorsiona e chantaxea, e por iso mestura Benestar Social con pirotecnia”, destacou a concelleira socialista, María Fernández Ojea, sobre o expediente 5P, o primeiro levado a pleno e que saíu adiante co voto do PP.
Neste senso, sinalou que a primeira modificación dos debates agrupou “contratos a amigos, partidas que veñen de anos anteriores”, polo que non se pode dicir que sexa unha “modificación de crédito para destinala a investimentos”. Ademais, Ojea acusou o alcalde de usar o Salón de Plenos “como escenario para o seu calendario electoral”.
Respecto da segunda, a de maior importe, a concelleira socialista xustificou o voto favorable do seu partido ao contemplar dito expediente “investimentos moi importantes para unha cidade que ten autobuses que xa non se poden coller porque ninguén sabe a que hora saen, temos colectores de lixo rotos e outros novos esperando a que alguén os pague, e estou absolutamente convencida de que os camións de lixo terán que adaptarse aos novos colectores, xa que están fóra do prego de condicións”.
“Ourense está quedando atrás por moitas razóns e a pesar de moitas. A nosa cidade necesita investimentos. O goberno de DO presentou un orzamento que non os inclúe e xa ninguén inviste nesta cidade porque non temos seguridade xurídica nin estabilidade financeira”, expuxo Ojea. “Hai moitos temas como a igualdade, o benestar social, a saúde, a mocidade e a vivenda que non son competencia do concello. Neste pleno nunca podemos falar de temas e investimentos realmente importantes para Ourense, porque sempre se mesturan no debate e realmente non lles importan aos veciños”, continuaba a socialista. Ojea lembrou ademais que o actual goberno municipal perdeu o 30% das subvencións solicitadas.
A concelleira socialista concluíu argumentando o apoio do PSOE a este expediente para a súa aprobación, enfatizando que “non se trata dunha cuestión de diñeiro, porque o Concello de Ourense ten suficiente; senón do interese de Gonzalo Pérez Jácome de facer ruído en lugar de traballar pola cidade”, e anticipou que non poderán licitar os contratos antes de que finalice este exercicio fiscal e que a verdadeira intención do alcalde é chegar ás eleccións municipais de 2027 “con todo listo”.