O Gran Camiño ocasionará cortes de tráfico en Ourense e Pereiro de Aguiar a partir deste xoves

A provincia de Ourense será a protagonista da terceira etapa da proba ciclista O Gran Camiño, cun trazado contra o reloxo, que se disputará o vindeiro venres, 28 de febreiro.
O Gran Camiño, unha proba ciclista de carácter profesional que recupera a esencia da antiga Volta Ciclista a Galicia, transcende o seu obxectivo do fomento do deporte, para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio.
A cuarta edición da proba celébrase do 26 de febreiro ao 2 de marzo, con diferentes trazados ao longo da comunidade autónoma e coa novidade de incluír Portugal no inicio da carreira.
O venres 28 de febreiro será a data na que O Gran Camiño dispute unha proba contrarreloxo de 15 quilómetros na provincia de Ourense, con saída da Ponte Romana da cidade e chegada a Pereiro de Aguiar.
O desenvolvemento da proba ocasionará diversas restricións de tráfico que, no caso de Ourense, comezarán na tarde deste xoves, a partir das 18.00 horas, cando se pechará ao tráfico rodado a Avenida Pardo de Cela.
El cortes en Pereiro de Aguiar produciranse o propio venres, previsiblemente a partir das 13.00 horas. Concretamente, pecharanse a OU-0506, na súa conexión coa cidade, pasando por Sabadelle, San Benito da Veiga e Cortiñas, ata chegar ao propio núcleo de Pereiro, que será o punto e final desta etapa.
Na cidade, os cortes do venres comezarán ás 8.30 horas, cando se procederá a pechar ao tráfico a a Ponte de Milenio en dirección saída, así como a rúa Francisco Llorens Díaz.
A partir das 10.30 horas, prohibirase o acceso peonil na Ponte Vella e, ás 11.00 horas, pecharase totalmente ao tráfico a rúa Sáenz Díez. O acceso para residentes e ao centro comercial reabrirase a partir das 12.30 horas.
Ás 13.00 horas, pecharanse totalmente as rúas Ribeira de Canedo, Mercado, Ramón e Cajal, Rincón, Vicente Risco e Ponte Nova, así como Alfonso Rodríguez Castelao, desde a glorieta do Afiador ata a estrada da Lonia.